Temas: FINSA CCOO SAúDE

CCOO pide que se recoñeza en todas as fábricas de FINSA en Galicia o plus de toxicidade

O sindicato reclama unha reunión para a interpretación do convenio relativa á redución de complementos salariais nos casos de redución de xornada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/10/2017 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A Federación de Construción e Servizos de CCOO pide que se recoñeza en todas as fábricas da madeireira FINSA en Galicia o plus de toxicidade pola exposición do persoal ao formaldehido. Este gas incoloro, amais de ser irritante e tóxico por inhalación, é considerado pola Unión Europea como substancia canceríxena e mutáxena desde o 1 de xaneiro de 2016.

Fábrica da Finsa en Santiago
Fábrica da Finsa en Santiago | Fonte: Finsa

Para lograr o recoñecemento do plus, o sindicato solicitou a mediación do acordo galego para a resolución extraxudicial de conflitos (AGA). A petición do sindicato chega tras máis de ano e medio da entrada en vigor do Real decreto 665/97 de canceríxenos e de que a empresa non fose capaz de eliminar a presenza de formaldehido nas fábricas. Por esta razón, CCOO pediu para todo o persoal de FINSA en Galicia a aplicación do plus de toxicidade, recollido no convenio estatal da madeira, e que equivale ao 20 % do salario base.

"O primeiro paso que deu CCOO foi denunciar perante o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e a Inspección de Traballo a exposición do persoal a esta substancia, por entender que todas as traballadoras e traballadores están expostos, sexa cal for o seu posto de traballo", apunta nun comunicado. Malia que só este sindicato presentou a denuncia, a autoridade laboral deulle a razón a Comisións.

Após o recoñecemento da exposición, o sindicato sinala que o seguinte paso é intentar erradicala. "Neste sentido, a empresa leva anos a acondicionar e mellorar as liñas de produción, pero a exposición a este axente canceríxeno persiste. En tanto a situación continúe, CCOO quere que se aplique o devandito complemento de toxicidade, polo que non sería consolidable", conclúe.

Temas: FINSA CCOO SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta