Obra, un arrinque histórico

O Monbus Obradoiro vence 60-62 en Murcia cun mate espectacular de David Navarro no último segundo e acada o mellor comezo da súa historia na ACB, coa quinta vitoria en sete xornadas.

Por gcdeportes | Compostela | 05/11/2017 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

Ficha técnica
UCAM Murcia 60:
Hannah (9), Brad Oleson (7), Sadiel Rojas (3), Ovie Soko (0) e Tumba (3) -cinco inicial- Álex Urtasun (0), Alberto Martín (0), Kloof (12), Faverani (0), Marcos Delía (11), Lukovic (8) e Vitor Benite (7).
Monbus Obradoiro 62: Albert Sàbat (0), Matt Thomas (17), Bendzius (8), Radovic (7), Nacho Llovet (6) -cinco inicial- Ben Simons (0), Artem Pustovyi (8), David Navarro (4), Martins Laksa (7) e Pepe Pozas (5).
Parciais: 10-16, 17-14 (27-30), 15-14, 18-18 (60-62).
Árbitros: Martín Bertrán, Sergio Manuel Rodríguez e Olivares Iglesias. Eliminaron por cinco faltas persoais a Rojas en el minuto 37.
Incidencias: partido da sétima xornada da Liga ACB no Pazo dos Deportes de Murcia ante 5.506 espectadores. Crespóns negros no Obradoiro polo falecemento de Alfonso Rivera, a quen o corpo técnido dedicou a vitoria.

Os xogadores obradoiristas celebran a quinta vitoria en vestiarios.
Os xogadores obradoiristas celebran a quinta vitoria en vestiarios. | Fonte: @pepepozas4

Como a pasada campaña, Obradoiro volveu gañar sobre a bucina en Murcia. Foi cun mate espectacular de David Navarro no último segundo para poñer o 60-62 e sumar a terceira vitoria consecutiva, segunda lonxe de Sar. Trátase dun Obra histórico, xa que o equipo de Moncho Fernández acada o mellor arrinque da súa curta historia na ACB, con cinco vitorias en sete xornadas. Foi un triunfo de pico e pa, ante un Murcia cunha defensa de excesivos contactos (coa permisividade arbitral), que cometeu ata 26 faltas.

O choque comezou con pouco acerto, e un parcial de 3-5 en cinco minutos, os cinco puntos galegos anotados por Radovic no seu regreso á que foi a súa casa durante tres anos e medio. Murcia abusaba das triplas sen tino (1/9) e Obradoiro aproveitou para abrir oco (7-16). Unha tripla de Vitor Benite puxo o 10-16 tras dez minutos.

No segundo acto, mesmo guión, e parcial de 0-2 en tres minutos e medio. Pero os locais reaccionaron con 7 puntos de Marcos Delía e unha tripla de Hannah para poñerse por diante 22-20. Apareceu entón Matt Thomas para liderar o Obra, e con nove puntos case consecutivos deu vantaxe aos composteláns no tempo de lecer: 27-30.

Na reanudación, Murcia empatou o partido pero Nacho Llovet sumou cinco puntos consecutivos e mantiña o Obra por diante (31-37). Un parcial de 6-0 empatou de novo o choque (37-37), pero os de Moncho Fernández respostaron cun 0-7 de parcial (37-44). Outro 5-0 local e todo por decidir (42-44) para os últimos dez minutos.

No último acto, Brad Oleson puxo por diante a Murcia (50-49), pero Laksa anotou cinco puntos consecutivos tras varios ataques sen acerto polos dous bandos (53-55). Un 2+1 de Hannah puxo por diante a Murcia (58-55), pero respostou Matt Thomas con outro 2+1 para empatar (58-58). David Navarro, que non anotara en todo o partido, puxo por diante os galegos con dous tiros libres a falta de 6,6 segundos, pero Marcos Delía empatou 60-60. Quedaban 4,7 segundos. Un espectacular mate de David Navarro tras xogada individual deu a quinta vitoria ao Obradoiro para firmar un arrinque histórico.

Ata o de agora, o mellor balance do Obradoiro tras sete xornadas era de 4-3 en tres temporadas distintas (a última, na 2015-16). Agora, o conxunto dirixido por Moncho Fernández firma unha nova mellor marca con 5 vitorias e só dúas derrotas. Obradoiro tan só perdeu nas canchas de Valencia e Barcelona. Son 3-0 na casa (Zaragoza, Joventut e Burgos) e vitorias nas dúas últimas saídas a Fuenlabrada e Murcia.

Os composteláns felicitan a David Navarro pola última canastra.
Os composteláns felicitan a David Navarro pola última canastra. | Fonte: ACBPhoto
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta