Numerosos cargos institucionais presentan en Bruxelas unha campaña contra o machismo

En Negro Contra as Violencias Machistas preséntase este luns no Parlamento Europeo cunha delegación de case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais e o apoio dos eurodeputados galegos Lídia Senra e José Blanco.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 06/11/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A campaña galega En Negro Contra as Violencias Machistas, posta en marcha hai tres anos polo Concello de Santiago, e á que actualmente hai adheridos 72 concellos de toda Galiza e case 3.000 establecementos de todo tipo, presentarase esta semana no Parlamento Europeo. Así, unha delegación formada por case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais integradas na campaña desprazarase este luns até Bruxelas, onde permanecerán até o mércores, convidadas pola eurodeputada galega membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, Lídia Senra; e polo eurodeputado galego membro do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, José Blanco.

A delegación estará encabezada pola concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois, quen en 2015 puxo en marcha esta iniciativa de sensibilización na capital galega. Lois tamén será a encargada de presentar o martes pola mañá, na sede do Parlamento Europeo, o Pacto social municipal galega contra as violencias machistas. Á presentación acudirán eurodeputados e eurodeputadas de diferentes países que son membros da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo. Ao rematar a reunión está prevista unha acción de visibilización pública da campaña En Negro contras as Violencias Machistas no exterior do Parlamento Europeo. O obxectivo é que Galiza simbolice na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas.

Entre o medio cento de persoas que viaxan a Bruxelas para participar nesta posta en escena, hai deputadas provinciais da Deputación de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá.

Cifras

Segundo os datos da última Macroenquista de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Desde 2003 até maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machista na Galiza e 780 no Estado español.

En Negro contra as Violencias Machistas naceu no 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementoscomerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista. Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, no 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro, contra as violencias. Neste 2017, xa son máis de 70 os concellos adheridos que intentan así situar na axenda política esta loita e como gran novidade está tamén o salto que darán esta semana ao Parlamento Europeo.

Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

“Non é suficiente con amosar de palabra que se está en contra do machismo, hai que demostralo con feitos, poñer en marcha iniciativas que promovan a igualdade real e a fin da violencia. O Parlamento Europeo debería ser máis firme nestas cuestións", sinalou nun comunicado Lídia Senra. "En varias ocasións temos asistido no pleno a comentarios machistas por parte de membros do Parlamento Europeo, un Parlamento que, por certo, non é paritario nin de lonxe (só o 37% dos escanos están ocupados por mulleres)”, conclúe.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

Unha muller colle o micro nunha protesta contra a Violencia de Xénero en Vigo
Unha muller colle o micro nunha protesta contra a Violencia de Xénero en Vigo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta