Alemaña retira do mercado tacos de pota enlatados fabricados en Galicia por conter cristais de estruvita

O produto é da marca Sol & Mar e é distribuído en distintos países pola marca Lidl.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2017 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

A AECOSAN (Axencia española de consumo, seguridade alimentaria e nutrición) informou dunha alerta alimentaria orixinada en Alemaña, pola presenza de cristais de estruvita en latas de tacos de pota da marca Sol & Mar, fabricadas en Galicia e distribuídas en distintos países pola marca Lidl. Ordenouse a retirada do produto.

Tacos de pota enlatados da marca Sol & Mar.
Tacos de pota enlatados da marca Sol & Mar.

As autoridades sanitarias alemás alertaron de que nalgúns tacos de pota enlatados desta marca foron atopados cristais de estruvita, polo que non se poden consumir. O aviso foi emitido polo RASFF (Sistema de Alerta Rápida para Alimentos e Pensos).

Segundo informan as autoridades e o propio distribuidor, estes produtos foron fabricados en Galicia e distribuíronse por Lidl en distintos países europeos, pero non en España.

A alerta en concreto refírese a dous produtos: tacos de pota con aroma natural de allo da marca Sol & Mar, 240 gramos, tres latas de 80 gramos cada unha, código de barras: 20649913, número de lote L-17-248-E e data de caducidade 31-12-2023; e tacos de pota con aroma natural de pemento da marca Sol & Mar, 240 gramos, tres latas de 80 gramos cada unha, código de barras: 20649920, número de lote L-17-249 e data de caducidade 31-12-2023.

Tras ter coñecemento da alerta, fabricante e distribuidor procederon a retirar o produto dos puntos de venda.

Os cristais detectados formáronse por mor de que se produciron unhas determinadas condicións na fabricación e, en combinación coa propia composición do produto, produciuse esta reacción. É un defecto de fabricación que altera a textura do produto, volvéndoo máis terroso e facendo que a súa calidade se resnta. É este defecto de fabricación o que provocou a retirada do produto. Se alguén tivese un deles en casa, debe dirixirse á súa tenda Lidl, explica a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta