O aeroporto de Santiago chamarase Rosalía de Castro a partir de 2018

O Consorcio de Santiago financiará o cambio de nome de Lavacolla con 50.000 euros. Tamén ampliará o Museo do Pobo Galego, o que suporá un investimento inicial próximo aos 400.000 euros e un total de 2 millóns de euros ata o vindeiro Ano Santo 2021.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/11/2017 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

Rosalía de Castro é xa a icona de Galicia. Ten edificios, centros escolares e avións que levan o seu nome. Ata Google elixiu a maxistral poetisa galega para agasallar aos galegos nun 17 de maio. E, agora, Rosalía de Castro tamén lle dará o nome ao aeroporto de Santiago. 

Un prototipo do nome de Rosalía de Castro no avión da compañía Norgewian
Un prototipo do nome de Rosalía de Castro no avión da compañía Norgewian

Así se decidiu na Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, que será o organismo encargado de financiar o cambio de denominación do aeroporto compostelá de Lavacolla ao de Lavacolla-Rosalía de Castro. A aportación para este fin, centrado na substitución e adaptación de toda a sinaléctica, será duns 50.000 euros. E agárdase que este cambio comece a facerse efectivo a comezos do vindeiro ano.

Na súa xuntanza deste martes, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega, avanzouse nas principais liñas e proxectos que integrarán o presuposto do vindeiro ano, contando coas mesmas aportacións que as do presente exercicio por parte das tres Administracións, que suman un importe global lixeiramente superior aos 9 millóns. 

Ampliación do Museo do Pobo Galego

No apartado de investimentos e dentro dos seus obxectivos de cara á celebración do Ano Santo 2021, o Consorcio ten previsto intervir na sede do Museo do Pobo Galego, no Conxunto de San Domingos de Bonaval. Trátase dunha actuación que, pola súa dimensión e calado, prolongarase nas vindeiras anualidades.

Igrexa de Bonaval, en Compostela
Igrexa de Bonaval, en Compostela | Fonte: turgalicia

A actuación centrarase na ampliación do Museo, recuperando a ala sur do conxunto conventual e o xardín situado ao pé da súa fachada. Así mesmo, o Consorcio comezará a traballar na musealización do futuro espazo expositivo, mediante a subscrición dun convenio coa entidade xestora do museo que permita avanzar neste aspecto. Esta primeira actuación ascenderá a preto de 400.000 euros. 

O reto da rehabilitación e a adecuación para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego, da zona que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, no extremo da ala sur, suporá un investimento global que roldará os 2 millóns de euros ata o Ano Santo 2021, o que permitirá ademais a súa apertura ao público. 

Tal como salientou o alcalde, “hai unha aposta decidida do Consorcio de Santiago polo Museo do Pobo Galego, por convertelo no museo de Galicia”. Coincidindo co vindeiro Ano Santo, o Museo aproximarase ao 45 aniversario da súa creación.

Apoio a iniciativas culturais e formativas da cidade

Co fin de apoiar diferentes actividades culturais na cidade, o Consorcio mantén unha serie de convenios con diversas entidades coas que colabora dende hai anos. É o caso do Festival Cineuropa, a Fundación Granell e o Auditorio de Galicia. Ademais, destinarase unha axuda á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) para a organización do evento internacional de televisión Conecta Fiction, centrado na coprodución de series e miniseries de ficción entre Europa, Estados Unidos e América Latina. Tralo éxito da primeira edición, celebrarase de novo na cidade compostelá en xuño de 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lavacolla

ghaniñas de andar enrredando...