‘A lingua das bolboretas’, un dos mellores filmes políticos para o xornal da Universidade de Virxinia

The Cavalier Daily inclúe o filme de José Luis Cuerda, baseado nos relatos de Manuel Rivas, nunha lista de clásicos do cinema de contido político como 'All the President’s Men', 'Dr. Strangelove or: How I Learned to Stop Worrying and Love the Bomb' e 'The Manchurian Candidate'.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/11/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A proposta de retirar a estatua do xeneral Robert E. Lee, quen loitou na guerra civil de Estados Unidos no bando dos confederados, favorables á escravitude, desatou unha onda de incidentes en Charlottesville, Virxinia, o pasado mes de agosto. Froito dos enfrontamentos, unha persoa morreu e 19 resultaron feridas cando un home atropelou co seu automóbil unha multitude que protestaba contra unha marcha de ultranacionalistas nesta cidade sureña. O presidente Donald Trump condenou o que cualificou como violencia de "ambos os lados", declaracións que foron duramente criticadas tanto por demócratas como republicanos por non rexeitar explicitamente as accións dos ultranacionalistas racistas

'A lingua das mariposas' (1999), filme de José Luis Corda baseada na obra de Manuel Rivas.
'A lingua das mariposas' (1999), filme de José Luis Corda baseada na obra de Manuel Rivas.

Para os editores do xornal da Universidade de Virxinia, The Cavalier Daily, precisamente en Charlottesvilleunha resposta a este tipo de acontecementos e ás crises políticas pode vir dada dende a arte, xa que "ten o potencial de ser un medio para comprender ou analizar algúns dos acontecementos políticos máis desconcertantes da historia, ou un medio para satirizar as tendencias políticas visibles". Por este motivo, e a raíz dos acontecementos en Charlottesville e a súa deriva política, os editores da sección de Arte e Entretemento deste xornal fixeron unha lista con algúns dos "mellores filmes políticos que existen, xa sexan comedias escuras, repasos de eventos políticos ou imaxinacións realistas do que podería ser".

Nunha achega de catro filmes, inclúen A lingua das bolboretas (1999), a adaptación que o cineasta José Luis Cuerda fixo da colección de relatos Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, centrándose principalmente na peza homónima.

O filme de José Luis Cuerda súmase a tres clásicos do cinema estadounidense como All the President’s Men (1976), de Alan J. Pakula; Dr. Strangelove or: How I Learned to Stop Worrying and Love the Bomb (1964), de Stanley Kubrick; e The Manchurian Candidate (1962), dirixida por John Frankenheimer.

Estas catro son as pezas elixidas polos editores da sección Arte e Entretemento do The Cavalier Daily como "os mellores filmes para tempada electoral".

Sobre A lingua das bolboretas, Caroline Hockenbury escribe:

Tamén coñecido polo seu título traducido ao inglés, Butterfly, A Lingua das Bolboretas representa sen temor como a divindade política e a guerra corroen a sociedade de arriba cara abaixo. O filme de 1999 é unha adaptación cinematográfica de historias de Que me queres, amor?, do autor galego Manuel Rivas, que expoñen as atrocidades asociadas co inicio da Guerra Civil española. O trauma do filme é aínda máis elevado ao centrar a narración nun dos membros máis vulnerables da sociedade: un neno.

Ambientada en Galicia, España en 1936, o filme rastrexa as experiencias dun escolar traxicamente nervoso chamado Moncho (Manuel Lozano) que se fai amigo do seu modesto, inspirador e exteriormente antinacionalista mestre Don Gregorio (Fernando Fernán Gómez). Don Gregorio empodera aos seus alumnos ao alimentar a súa curiosidade: preséntalles o mundo natural e, divinamente, o extraordinario comportamento das bolboretas. Así como as bolboretas diseminan o pole, Don Gregorio espera esparexer as sementes da "liberdade" ao iluminar á próxima xeración de estudantes novos e curiosos.

Cando os carros dos nacionais chegan ao final do filme para deter a todos os republicanos coñecidos de Galicia, Moncho queda atónito ao ver como levan o seu amable mestre. O filme dá voz aos perigos do nacionalismo e a represión da liberdade de expresión. Especificamente, revela a dor asociada con ter que sufocar as propias crenzas polo ben da seguridade. O equilibrio entre a conmovedora relación profesor-alumno e a natureza discordante do contido político non só fai que o filme sexa dixerible senón extremadamente efectivo na transmisión da súa mensaxe. O conflito entre os dous compoñentes da trama polarizada reflicte a realidade da división sen arrepentimentos da guerra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta