Pedro Sánchez, no 15 aniversario do ‘Prestige’: “Nin entón mereciamos aquel Goberno nin hoxe o actual”

O secretario xeral do PSOE carga contra o Goberno central e Mariano Rajoy, quen era o vicepresidente do Executivo naquela catástrofe.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/11/2017 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, aproveitou o 15 aniversario do accidente do 'Prestige' para cargar contra o Goberno de Mariano Rajoy, quen era o vicepresidente do Executivo naquela catástrofe.

Unha das visitas que Rajoy fixo a unha praia afectada polo verquido do Prestige
Unha das visitas que Rajoy fixo a unha praia afectada polo verquido do Prestige | Fonte: aquiconfidencial

"15 anos do Prestige, unha traxedia que encheu de raiba e conmoción a todo un país. Nin entón mereciamos aquel Goberno nin hoxe merecemos ao actual. #NuncaMais", escribiu Sánchez no seu perfil na rede social Twitter, lembrando o lema que na época mobilizou a miles de voluntarios para limpar as costas galegas e do Cantábrico.

Foi o 13 de novembro de 2002, sobre as 15.15 horas, cando os servizos marítimos recibiron unha chamada de socorro alertando dunha vía de auga no 'Prestige', un petroleiro con 27 tripulantes que se atopaba navegando a unhas 28 millas de Fisterra con 77.000 toneladas de fuel.

Desde esa data e, despois de detectarse a primeira vertedura, optouse por afastar da costa o barco, que estivo escoltado pola Armada e ao que se prohibiu atracar en calquera porto español. Rajoy, que exercía entón como portavoz do Executivo, tentaba minimizar o risco de vertedura sinalando que do petroleiro saían catro "'hilitos' de plastilina".

Finalmente, o 19 de novembro de 2002, o 'Prestige' partiuse en dous e foise a pique, xerando unha das maiores catástrofes marítimas, que tinguiu de negro as costas de Galicia, pero tamén as do Cantábrico e Francia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 merecendo

Tampouco mereciamos un Partido Socialista Obreiro Español como o de Zapatero, que modificou a Constitución introducindo o 135 , nin un PSOE como o actual, que apoia en todo ao Partido Popular; o CETA, a modificación da Lei da Biodiversidade, as devolucións en quente, se opuxo a que a Coroa declare os seus bens, e etc, etc, etc. Ti sigue ao teu, PPedro Sánchez.