Temas: PRESTIGE

A conselleira do Mar, logo de 15 anos do Prestige: “Puidemos cometer erros, pero actuamos desde o minuto cero”

"Todos aqueles que dicían que Galicia non se ía recuperar nunca máis, pois se recuperou ese mesmo ano", asegura Rosa Quintana

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2017 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

"Creo que puidemos cometer erros, como calquera humano, pero o que si non se nos pode negar é que actuamos desde o minuto cero". Así se expresou este luns a conselleira do Mar, Rosa Quintana, con motivo do 15 aniversario da catástrofe do 'Prestige'.

Unha marea de voluntarios limpa as rochas contaminadas polo chapapote do 'Prestige'
Unha marea de voluntarios limpa as rochas contaminadas polo chapapote do 'Prestige' | Fonte: Miguel Núñez.

A preguntas da prensa este luns na súa visita á lagoa de Baldaio, en Carballo (A Coruña), Quintana afirmou que "nunha situación como a que foi a do 'Prestige' ningún país do mundo tería os mecanismos suficientes para loitar contra unha marea negra dese calibre". "O que si podemos dicir desde Galicia é que non nos quedamos cos brazos cruzados, e naquel momento xa nos puxemos a traballar", sentenza.

"Supoño que erros se cometeron porque se actuou de maneira rápida", xustifica. "Polo menos desde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que era naquel momento, podo falar con absoluta veracidade porque era directora xeral de Formación e Investigación, probáronse todos os métodos que estaban a disposición naquel momento", agrega.

A este respecto, afirma que "se actuou coa suficiente rapidez para pechar todas as zonas de traballo e evitar que o produto puidese chegar con algún problema aos consumidores". Ademais, "fíxose unha campaña de promoción unha vez se viu que os resultados xa non afectaban os produtos e en menos de 15 días todos os produtores da cadea mar-industria estaban a cobrar unhas axudas".

GALICIA "RECUPEROUSE ESE MESMO ANO"

Cuestionada sobre os efectos que tivo a marea negra nas costas galegas, Rosa Quintana sentenciou: "Todos aqueles que dicían que Galicia non se ía recuperar nunca máis, pois se recuperou ese mesmo ano".

Sobre este extremo, a conselleira do Mar esgrimiu que "a evolución da produción tanto pesqueira como marisqueira vai a máis cada ano".

"HOXE SOMOS EXEMPLO"

Sobre se Galicia está preparada para outra catástrofe deste tipo, Quintana explica que "nunca se pode dicir que estamos ao 100%, pero iso xa o recoñeceron naquel momento os ministros de Fomento da UE, que dixeron que nunha situación así ningún país do mundo estaría preparado".

Aquí, Quintana puxo en valor o traballo realizado en Galicia para estar máis preparados ante unha catástrofe ambiental deste tipo, de forma que se incorporaron ao servizo de loita contra a contaminación mariña novos buques, mentres conta cos "mellores equipos" do Estado para técnicos.

"Hoxe somos exemplo", asegura a conselleira, pois Galicia participou en 14 proxectos a nivel internacional, recibiu premios comunitarios, mentres "chaman" a técnicos galegos doutros países para detectar contaminación e saber como abordar esta situación.

"É un tema de ter os últimos avances tecnolóxicos que se vaian producindo, e iso en Galicia estamos a facelo; e ter os equipos ben preparados para saber como responder ante unha catástrofe", agrega.

"Logo, ter suficientes equipos para responder unha rexión por si mesma a unha situación tan grave é ilóxico expoñelo", asevera. De feito, argumenta como en Estados Unidos ante situacións similares os seus recursos "non foron suficientes", e mesmo "desde Galicia" mandáronse equipos para axudar.

Temas: PRESTIGE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta