Capturan en Portugal un exemplar dun tiburón ‘prehistórico’ que tamén se atopa en augas galegas

Científicos dun proxecto europeo para minimizar as capturas non desexadas das pesquerías atoparon un exemplar de tiburón anguía, especie que permaneceu case inalterable desde hai polo menos 95 millóns de anos. Galicia atópase na súa zona de distribución, pero as súas capturas son moi estrañas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/11/2017 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

Investigadores do proxecto MINOUW, patrocinado pola Unión Europea, localizaron de maneira accidental na costa de Portugal unha quenlla que pertence a unha das especies que denominan "fósiles viventes". Trátase dun exemplar de Chlamydoselachus anguineus,  o coñecido como tiburón anguía, unha especie que os científicos consideran que permaneceu case inalterable desde hai polo menos 95 millóns de anos.

Exemplar de tiburón anguía capturado en Portugal.
Exemplar de tiburón anguía capturado en Portugal.

Segundo o Instituto Portugués do Mar e a Atmosfera, varios científicos do MINOUW atopábanse nunha misión para identificar formas de reducir o número de capturas accidentais cando se atoparon co terrorífico animal na costa do Algarve, preto do complexo de Portimao. Todos quedaron sorprendidos pola captura accidental nas redes de pesca dun exemplar moi pouco habitual nestas augas.

Identificouse que o animal, capturado accidentalmente en agosto a uns 700 metros de profundidade, é un macho con preto de 1,5 metros. Considerado como un verdadeiro fósil vivo, destaca por ter un corpo longo e esvelto cunha cabeza que lembra a dunha serpe.

Esta especie ten un esqueleto parecido ao dunha anguía. Pero conta con seis pares de hendiduras branquiais e 300 dentes tricúspides.

DISTRIBUCIÓN

O tiburón anguía distribúese xeograficamente ao longo de todo o Atlántico, desde a costa norueguesa, pasando por augas escocesas, de Galicia, Azores, Madeira e Canarias, baixando a costa africana ata o Índico, alcanzando aínda Xapón, Australia e Nova Zelandia. Non é capturado moi a miúdo debido ás profundidades ás que vive, a entre 500 e 1.000 metros.

"Este tiburón pertence á única especie supervivente dunha familia na que todas as demais se extinguiron", explicou á BBC Margarida Castro, profesora e investigadora do Centro de Ciencias Mariñas da Universidade de Algarve, tras facer público o achado.

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) avaliou esta especie como medianamente ameazada, xa que dada a súa taxa de reprodución moi baixa, e aínda que non ten interese comercial, as capturas accidentais poden chegar a esgotar a súa poboación.[

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta