Varios colectivos levan a Bruxelas a destrución do patrimonio galego que está provocando o eucalipto

Un total de 34 persoas de 18 colectivos diferentes de defensa do monte viaxarán ao Parlamento Europeo o 6 e 7 de decembro a proposta de Lídia Senra. O obxectivo é denunciar o “desleixo da Xunta e os intereses da industria celulos” na destrucción de xacementos arqueolóxicos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/11/2017 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O próximo ano, 2018, será declarado pola UE como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. E, precisamente, aproveitando ese importante acontecemento un total de 34 persoas pertencentes a 18 colectivos diferentes de defensa do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural, ecoloxistas, arte rupestre e montes viaxarán até Bruxelas os días 6 e 7 de decembro para denunciar no ente comunitario a situación de ameaza que está a provocar o monocultivo de eucalipto na nosa terra.

Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo
Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo | Fonte: Mariña Patrimonio

Unha iniciativa que promove a eurodeputada galega Lídia Senra cunha serie de actividades encamiñadas a internacionalizar no Parlamento Europeo a problemática de eucaliptización que sofre o patrimonio galego. 

“Esta visita é oportuna para contribuír a visibilizar na UE o que pasa na Galiza”, dixo  a eurodeputada sobre o gran problema que está provocando a masiva plantación de eucaliptos en gran parte dos montes do país. Así, Senra reclamou que esta especiesexa declarado como especie exótica invasora e criticou a resistencia que está poñendo o Estado español no marco do Convenio de Berna do Consello de Europa, en conivencia coa industria forestal, para que esto sexa posible.

 “DESTRUCIÓN MASIVA” DO PATRIMONIO

Senra participou nunha rolda de prensa en Santiago na que estivo acompañada polo presidente da Asociación Mariña Patrimonio, Manuel Miranda Ruíz. Precisamente, este activista patrimonial acusou á industria celulosa do eucalipto de estar provocando unha “destrución masiva” do patrimonio arqueolóxico, “como demostran os centos de denuncias presentadas nos últimos anos” e tendo en conta que “só se denuncia unha pequena parte do total de agresións”. 

Estado no que quedou o dolmen da Casa dos Mouros, no Valadouro, logo dunha plantación de eucaliptos
Estado no que quedou o dolmen da Casa dos Mouros, no Valadouro, logo dunha plantación de eucaliptos | Fonte: Mariña Patrimonio

“Queremos informar á UE e denunciar alí o que non está facendo a Xunta aquí para protexer o patrimonio”, dixo Miranda. “A xunta está mirando para outro lado e está incumprindo o seu deber, tamén moral, de protexer o patrimonio, atendendo aos intereses dunha industria celulosa totalmente insensible e irresponsable”, afirmou. “Os xacementos arqueolóxicos están protexidos pola lei e non se poden danar para plantar eucaliptos nin outras árbores. Polo tanto, a Xunta debe actuar e facer cumprir a lei, algo que non fai”, denunciou.

Para o representante de Mariña Patrimonio, a relación entre a Xunta e a industria celulosa é “como mínimo de corrupción, desleixo e complicidade”. “A sociedade ten claro que a Xunta non actúa na defensa do patrimonio porque hai intereses comúns coa industria celulosa. Din que hai que plantar eucaliptos porque esa industria é moi rendible. Se é así, deberían empregar parte desa rendibilidade en protexer os xacementos arqueolóxicos e non en destruílos”, argumentou.

Ante esta situación, defendeu que “non queda outro remedio que que a sociedade civil, as asociacións, actuemos”. “Estamos seguros de que podemos atallar esta desfeita. Hai que esixirlle á Xunta e á industria que cumpran as leis autonómicas, estatais e europeas. Tócanos denunciar publicamente a industria do eucaliptos e explicarlles aos consumidores europeos que estamos ante unha industria que destrúe boa parte do patrimonio europeo”, insistiu.

No grupo de persoas que se desprazarán a Bruxelas para participar desta iniciativa, haberá membros do Sindicato Labrego Galego, do SOS Arte Rupestre Galega, da Sociedade Antropolóxica Galega, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, do Colado do Vento, de Cousa de Raíces, da Asociación para o Fomento do Deseño Sostible Kunterbunt, de Adega, da Asociación Nordés, da Asociación Amig@s de historiadegalicia.gal, do colectivo A Rula, da Asociación Mariña Patrimonio, da Asociación Cultural Irmandade de Santo Estevo, de Amigos do Patrimonio de Castroverde, de Anova Terra, Umia Vivo, Irmandade Illa de Tambo e do Colectivo da Defensa do Patrimonio A Forneiriña.

VISITA

Durante a visita ao Parlamento Europeo, a delegación galega reunirase con representantes da Comisión Europea competentes na materia para explicarlles a situación que se está a vivir na Galiza, e tamén con eurodeputados doutros países, especialmente alemáns, xa que a maior parte da produción de Ence é exportada. Concretamente, un 23% vai para Alemaña, un 16% vai para Italia, e só o 5% queda no Estado español. 

O obxectivo é sensibilizar á poboación internacional do problema que arrastra a política da pasteira e a eucaliptización na nosa terra e esixirlle á comunidade internacional que fagan cumprir os mínimos de respecto á natureza, patrimonio e desenvolvemento sostible do monte. “O 95% da celulosa que produce Ence vai para o mercado europeo e desgraciadamente o mercado europeo non sabe o custe que ten esa celulosa para o patrimonio galego e polo tanto europeo. Queremos que o consumidor europeo saiba que eses folios que usa están provocando unha destrución masiva do noso patrimonio”, explicou Miranda.

Tamén se levarán a cabo unha serie de coloquios centrados na “destrución do patrimonio galego por parte do sector industrial madeireiro”, “o desleixo da Xunta de Galiza co patrimonio cultural galego e a problemática dos incendios” e “artellando solucións para protexer o patrimonio fronte á eucaliptización”.

VALOR MÁIS ALÁ DO EUCALIPTO

Senra defendeu na rolda de prensa que unha sociedade “non se pode rexer pola rendibilidade económica que poida ter para uns poucos a plantación dunha especie en concreto, porque o monte ten un valor máis alá da rendibilidade económica dun monocultivo”. “Aporta biodiversidade e moitísimas cousas que necesitamos como o dereito a ter auga libre de contaminación”, dixo.

Tamén chamou a reflexionar sobre as miles de perdas que xera o lume neste país. “A sociedade está contribuíndo economicamente a apagar eses lumes para o rendemento desa industria”, engadiu. “A extinción máis eficaz é a prevención e a prevención pasa por non perder persoas que traballen as terras agrarias ou por acabar co monocultivo de eucalipto e por unha política agraria que volva a agroecoloxía”, concluiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

5 Dulcinea en Puppetland

Vaites... E xusto cando hai máis deputados supostamente nacionalistas galegos no Congreso dos Deputados e no Parlamento galego pasan estas cousas... Que raro, non... Sería que os mareantes non souberon ler o momento histórico? Sería que foron cándidos? Ou sería que foron máis listos ca ninguén? Ai... Sempre nos quedará a gaita e os repoludos gaiteiros e gaiteiras... Xa se di que nunca se sabe se a gaita chora ou ri... Aínda que o voso non pasou de sainete protagonizado por Xan das Bólas caros mareantes. Sinto ser tan clara, pero a vaquiña... polo que vale. Pero coma teño un corazón tan tenro vouvos deixar unha cancionciña para a finde: https://www.youtube.com/watch?v=qhL... Ai, xa sei que os líderes máximos andaban polas Francias naquelas épocas asombrando ao mundo co seu saber... Pero, tamén para eles teño algo. E dixo Antígona:" Eu non nacín para o odio, senón para o amor"...

1 Mareanta

Claro, a culpa da eucaliptización e os danos que está xenera é da marea que leva dous anos no congreso, os outros partidos que estiveron antes da existencia de En Marea nada de responsabilidade, a responsabilidade é de quen acaba de chegar, vaia solidez argumental. E ademáis, que terá que ver o Congreso nisto? Son competencias da Xunta, a do PP e o Bipartito, como era eso da vaquiña polo que vale?

4 Dulcinea en Puppetland

Inda que, agora vou recoñecer que eu o de remeter tuis non podo porque non teño a cousa esa do twitter... Aínda que de vez en cando o lamento, coma cando leo algún coma este: https://twitter.com/xavier_alcala/s...

3 Dulcinea en Puppetland

En fin... De todas maneiras eu hoxe non podo perder o tempo con estas cuestións tan baladís da supervivencia cotiá porque ando buscando tuis, box y sofpapers... Xa saquei os prismáticos e non vexo rusos cerca... Mirei debaixo dos armarios pero o dos sofpapers non o entendo... Porfa, aquí que sodes todos tan listos podeseme axudar... Pensade que non son Aldonza, senón Dulcinea. : https://www.meneame.net/m/actualida... Por certo, non deixedes de ler os comentarios 134 e 135. Son interesantes. Ao mellor o luns, os xornalistas desta web nos iluminan cunha reportaxe ou unha entrevista...

2 Fumedecarozo

Estes señores minten e van a Europa cosas súas mentiras e o peor é que contan cuns acólitos que coma loros repiten os mantras falsos que predican. Alcolito maaaalo, alcolito maaaalo,...coma ovellas sen ter idea de xestión forestal, de requisitos das especies, de mercados e perspectivas, de hábitats asociados, de titularidade da propiedade.... Son noxentamente manipuladores, sectarios e falsos.

1 José

Vaia, pois poderíaste extender un pouco niso que chamas "mercados e perspectivas", a ver se nos descubres algún mercado e algunha perspectiva distinta á do eucalipto e nos iluminas con datos concretos sobre o apoio que estes mercados e perspectivas teñen ou tiveron dos distintos governos amigos de ENCE. Ánimo!

2 Aldonza de Puppetlandia

Si, si... que o faga. O da titularidade é complicado, pero poderíase tentar resolver cun Banco de Terras eficiente e modificando as leis que non permiten dividir fincas... Isto xa non ten sentido hoxe no que a pequena propiedade cobra importancia para o cultivo ecolóxico por exemplo. E é especialmente perxudicial para as zonas limítrofes coas vilas e cidades onde se poderían alugar fincas pequenas para hortos urbanos ou mellor dito, periurbanos. Coñezo moitas herdanzas inmobilizadas pola esixencia legal de acadar unha superficie determinada para poder partila... Se ti, non es dona dunha finca, se non cotitular con varias persoas é moito máis difícil que lle saques rendemento ou que te fgas cargo de desbrozala. Veña, falemos dos verdadeiros problemas.

3 Fumedecarozo

Dous ou tres apuntes que non teño tempo José. Madeira de trituración (pino e eucalipto) para abastecer demanda de mobiliario (moito laretear pero queredes mobles de Ikea no lugar de madeira maciza) na que a UE e deficitaria nun 30%. Aumento nun 25% de demanda de derivados da celulosa para componentes reciclables (automoción, material de hospital, fibras téxtiles,...) en substitución de sintéticos para dar cumplimiento a normativas MA da UE, só nos próximos 10 anos. Por non falar de que os terrenos aptos para frondosa en Galicia se sitúan maiormente en terrenos hoxe ocupados Pola agricultura e roubados coas parcelarias, ou pensades que os carballos e os catiñeiros medran en todos lados....

4 Aldonza de puppetlandia

Pois ves coma hai que falar. Evidentemente non e todo branco ou negro. Pero ti sabes coma min que hai outro modelo de explotacion posible.

5 José

Pois si, fumegar, fumegas. Non te saes do guión. Sabes perfectamente que o abandono de terras agrarias por depresión demográfica está sendo aproveitado pola indústria celulósica e por especuladores pro-eucalipto (vexo que dominas a cuestión..), en lugar de destinar estas terras a producións de especies máis esixentes que proporcionan madeiras de calidade, máis caras e con posibilidades de transformacións máis rendíbeis que o que da a madeira maciza de eucalipto, da que unha empresa de Pontevedra, non logra achegar nen o 1% das cortas de madeira para trituración. Todo para ENCE e para as celulosas de Portugal. E ti, sendo consciente da urxencia de diversificar, pretendes manter o statu quo. Será polo que che toca..

6 anonimo

Vivo nunha zona do concello de Sada, que era históricamente unha aldea (difícil decir que é agora, pois casas e superficies inzadas de eucaliptos altérnanse sin orde nin concerto...mentres antigas terras agrícolas fican abandonadas...) Todo esta terra é apta para o crecemento de especies frondosas, tan apta, que no meu xardín castiñeiros, nogueiras e carballos nacen espontáneamente e desenvólvense sen dificultade...No medio dos eucaliptos dos montes, calquera pode observar como se retorcen carballos e outras especies...Así que non veñades coa historia de que os eucaliptos ocupan zonas non aptas para frondosas...Algunhas haberá, pero non son as máis...

1 Combatamos o eucalipto

E n d e s a e A l c o a non destruen patrimonio nin contaminan de xeito irremediable aire, auga e chan e o que nace deste último. Combatamos o eucalipto. Plantar millo, patacas e herba con xurro tampouco contamina, non perxudica o chan nin á biodiversidade. Combatamos o eucalipto.

1 sesese

E o novo mantra

2 Aldonza de puppetlandia

Non. Sexamos coma os habitantes da Selva Negra que saben vivir e convivir cos seus fermosos bosques.