Temas: SGHN NATUREZA

A SGHN denuncia o “desinterese das administracións públicas polo patrimonio natural galego”

A Sociedade Galega de Historia Natural critica o uso público que se fai de determinados espazos naturais protexidos e de gran valor, co consentimento das autoridades.

Por Galicia Confidencial | | 27/11/2017 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de presentar o segundo capítulo do estudo “Estado da natureza” en Galicia”, referido aos 'Espazos protexidos: uso público', no cal denuncian o "abandono e desinterese das administracións públicas polos espazos naturais e o patrimonio natural de Galicia". Esta segunda achega continúa as iniciadas co capítulo 'Espazos protexidos: superficie, xestión e apoio ás comunidades locais' e completarase cun terceiro dedicado a 'Biodiversidade: especies ameazadas e especies invasoras'.

Roza sobre hábitats prioritarios no ecosistema dunar da Praia de Reinante (ZEC As Catedrais) para favorecer o tránsito de veraneantes
Roza sobre hábitats prioritarios no ecosistema dunar da Praia de Reinante (ZEC As Catedrais) para favorecer o tránsito de veraneantes | Fonte: SGHN.

Para a SGHN, o desinterese das administracións públicas polos espazos naturais e o patrimonio natural galego "evidénciase no estado de abandono no que se atopan a maioría dos escasos centros de interpretación", mostrando, "na maioría dos casos, elementos expositivos de máis de dez anos, non adecuados nin ao coñecemento científico dos espazos naturais, nin aos obxectivos e normas de conservación que rexen neles".

Tamén subliña que os letreiros indicativos dos espazos naturais e das normas vinculadas co uso público son "cada vez máis raros na paisaxe galega, quedando reservadas aos Parques Naturais e ao Parque Nacional". E no resto dos espazos "son nulas ou sen contidos específicos sobre a normativa actual, como ocorre no Monumento Natural das Catedrais, ou nos humidais Ramsar de Ría do Eo, Ortigueira, Valdoviño, Ons - O Grove, e en xeral nos espazos da Rede Natura 2000", detalla a SGHN.

"O visitante dos espazos naturais galegos, a diferenza do que ocorre noutros territorios de Europa, carece na maioría dos casos de paneis indicativos onde se indique que tipo de actividades son permitidas e cales son prohibidas ou requiren dunha autorización. A falta destas indicacións fomenta en consecuencia un uso insustentable e anárquico dos espazos naturais", advirte.

A SGHN tamén chama a atención sobre as declaracións dos responsables da Xunta de Galicia e varias das campañas publicitarias nas que, di, "se confuden habitualmente os espazos naturais con áreas de esparexemento e diversión, capaces de acoller todo tipo de manifestacións recreativas, deportivas ou culturais, mesmo cando estas impactan de forma notoria e negativa a propia integridade dos devanditos espazos e o estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade".

Os científicos lembran que existen múltiples alternativas para levar a cabo as distintas probas e actividades recreativas, deportivas ou culturais sen afectar os espazos naturais, como se recolle desde a década dos oitenta nas distintas normativas ambientais da Unión Europea, o Estado español e Galicia.

"Pero estas normativas parecen ser descoñecidas sorprendentemente polos responsables da Axencia de Turismo de Galicia e da Dirección Xeral do Patrimonio Natural, que seguen impulsando e autorizando accións totalmente contrarias aos obxectivos de conservación dos espazos naturais e dos compoñentes da biodiversidade", critican.

O incumprimento da normativa relativa ao uso público chega a "niveis bochornosos" cando, din, "se permite a organización no Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal de Vixán, dun acto, con presenza do presidente da Xunta de Galicia, incumprindo abertamente as disposicións establecidas sobre o uso de megafonía no Decreto de creación do Parque Natural, o seu Plan de Ordenación dos Recursos Naturais e o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. A pesares da denuncia presentada pola SGHN, ningún dos responsables deste irregular acto foi cesado", censuran.

Este uso alegal da megafonía prodígase, segundo a SGHN, noutros espazos naturais galegos que acubillan unha prolífica lista de festas e actividades deportivas, especialmente na provincia da Coruña: Concerto de Balarés (ZEC Costa da Morte), Festas en Meiras (ZEC Costa Ártabra), Pantin Classic (ZEC Costa Ártabra), Festas de Santa Rosa (ZEC Estaca de Bares), enumera a SGHN, que recorda que "nestes espazos o uso da megafonía vén precedido habitualmente por unha irracional roza dos hábitats naturais, así como do emprego como zona aparcadoiro, circulación de vehículos ou acampada, de áreas con hábitats de interese comunitario".

Noutros casos, continúan, a "falta de medios de control e vixilancia" están a propiciar "actuacións descontroladas de uso público sobre as áreas de maior valor do Patrimonio Natural de Galicia". Por exemplo, "no Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal de Vixán, a redución ou case eliminación do sistema de vixilancia que noutros anos se establecía ao redor da Duna Móbil, propicia a destrución da mesma por un pisoteo incontrolado, que alcanza niveis preocupantes nas fins de semana".

A isto, engaden, "únense declaracións inconscientes dalgúns representantes municipais que seguen empeñados en permitir o tránsito sobre a duna, ninguneando os efectos deste sobre o seu estado de conservación".

A SGHN tamén salienta que a chegada do estío supón, ademais, un "total descontrol nos espazos naturais do litoral galego en relación coas acampadas ilegais, e a circulación e aparcadoiro de vehículos sobre os hábitats de interese comunitario, incumprindo deste xeito o réxime de uso derivado do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia".

Esta falta de vixilancia e control sobre o uso público nos espazos naturais de Galicia "queda patente cando se tolera en distintas praias alterar o substrato, utilizando as pedras para construír pequenos milladoiros, a semellanza dos montículos de pedras nepalíes ou andinos", pon como exemplo a SGHN. 

Este tipo de actividade, que "artificializa a paixase e altera o hábitat de especies de flora e fauna", alcanza, segundo a SGHN, "niveis moi preocupantes" en áreas de gran valor ambiental e cultural como a Praia Xudemil, Baroña (ZEC Complexo Húmido de Corrubedo); Cemiterio dos Ingleses, Praia de Trece (ZEC Costa da Morte); Foxo Longo (ZEC As Catedrais).

"Algunhas destas construcións levan máis de tres anos en pé, sen que a administración competente na xestión dos espazos naturais tome as medidas oportunas para recuperar as áreas degradadas e evitar novas alteracións", clarifica a agrupación científica.

A SGHN tamén constatou en espazos litorais e interiores o "incumprimento xeneralizado das normas relativas ao tránsito de animais de compañía vinculadas co uso público dos espazos". Por exemplo, sinalan, "a presenza de cans soltos, sen ningún tipo de boceira, adquire unha gran preocupación especialmente nos humidais, nos sistemas dunares e noutras zonas de cría de aves".

Por último, nos humidais galegos séguese observando restos de munición con chumbo, o que "supón un grave e reiterado incumprimento da normativa estatal, sen que a administración autonómica teña derrogado o seu decreto alegal (por contrario á lei estatal) como lle reclamou reiteradamente SGHN o Defensor del Pueblo nin moito menos adoptado medida algunha para garantir o cumprimento da lei e perseguir aos infractores da mesma", conclúe a sociedade científica.

Temas: SGHN NATUREZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta