Paro masivo dos taxistas en Galicia

Cren un "éxito" a convocatoria e destacan o "total" seguimento, o cal se produciu "sen incidencias dignas de mención".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os taxistas de Galicia secundan este mércores "sen incidencias dignas de mención" a xornada de folga convocada no sector en toda España e aseguran que se mobilizan porque "non queda outra opción". Así o recalcou o presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, quen sostivo que a mobilización vai "ben" nas cidades galegas onde, agás en Ferrol, onde optaron por non secundala, "só fai os servizos mínimos".

Protesta de taxistas en Santiago de Compostela.
Protesta de taxistas en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

En concreto, Manuel Sánchez Quindimil cualificou de case "xeneralizado" o paro en toda Galicia, cuns servizos mínimos "entre o 20 e o 25%" nunha frota integrada por uns 3.800 vehículos. Neste sentido, mostrouse satisfeito co seguimento do paro na Comunidade galega. "Esperemos que valla para algo no futuro", afirmou. "Paramos porque non nos dan outra opción", abundou, após o que lamentou que os clientes "estean ao frío".

Mentres, o presidente da Asociación de Taxistas de Santiago, que agrupa a 147, Jesús García, subliñou que o obxectivo da mobilización deste mércores "é que non saian á rúa case 10.000 licenzas VTC que vai dar o Supremo" porque "acabaría co taxi en España".

Neste sentido, García criticou que "a balanza non está equilibrada" porque "deixan saír á rúa a estas licenzas sen unha tarifa mínima, nin nada". Respecto diso, concretou que aínda que por lei debe haber unha licenza VTC por cada 30 taxis, en Santiago o cociente é "dunha por cada seis".

Os taxistas de toda España están chamados a secundar este mércores un paro de 24 horas en todo o Estado en protesta pola 'uberización' que, segundo critican, está a experimentar o transporte público urbano, en referencia ao aumento de empresas de vehículos de aluguer con condutor (VTC), as firmas como Uber e Cabify, e a competencia desleal que, segundo aseguran, practican ditas compañías.

Así, en Santiago a marcha de taxis, desde o estadio de San Lázaro, transcorreu "sen problema", sinalaron fontes da Policía Local, con cortes puntuais nas rúas polos que han ir pasando os taxis.

Os taxistas composteláns tiñan previsto realizar paros dunha media hora fronte aos xulgados de Fontiñas, diante do Parlamento e da Xunta, para deixar os vehículos na zona de Xoán XXIII e acudir a pé á Praza do Obradoiro.

A CORUÑA E VIGO

Na Coruña situouse en 150 taxis dun total de 522 que operan nela. Neste municipio -case un cento de vehículos, segundo a Policía Local, uns 300, segundo os convocantes-, partiron desde o Obelisco Millenium en dirección a praza de Ourense como parte dunha mobilización convocada nunha xornada de paro desde as 6,00 horas até as 18,00 horas.

En Vigo, xunto á protesta na rúa, os taxistas decidiron en asemblea sumarse á protesta convocada en Madrid, segundo precisou Quindimil.

Deste xeito, na cidade olívica, onde traballan uns 553 taxis, establecéronse mínimos de 150 vehículos. Fontes das asociacións cualificaron de "éxito" a convocatoria e de "total" o seguimento. Ademais, engadiron que varias decenas de taxistas marcharon cara a Madrid a participar nas mobilizacións.

Sobre as incidencias, comentaron que o único incidente en Vigo produciuse na porta dun hotel cando piquetes localizaron a un VTC da Comunidade de Madrid, ao que lle pediron a folla de ruta e, ao negarse, avisaron á Policía Local, que comprobou que o tiña todo en regra, salvo que acudira antes da hora prevista a recoller o seu cliente, polo que abandonou o lugar.

Sobre esta folga, contra o rexeitamento ás autorizacións concedidas a empresas multinacionais de vehículos de transporte colectivo, o presidente de Fegataxi e da Asociación de Tele-Taxi da Coruña, reiterou o seu rexeitamento "a que dun día para outro se concedan 15.000 licenzas novas".

Por outra banda, criticou que poidan ofrecer este tipo de servizos "vehículos que non están identificados". "Trasládanse dunhas cidades a outras; hoxe poden estar na Coruña e mañá en Vigo", expuxo para explicar as dificultades existentes para identificar este tipo de servizos.

LUGO, PONTEVEDRA, OURENSE E FERROL

En Lugo, o presidente da Asociación Provincial do Taxi, con case trescentos asociados, José María Díaz, asegurou que o seguimento da folga é "masivo" na provincia.

A asociación sumouse á xornada de paro no sector, convocada en toda España, en protesta pola "situación creada polo Ministerio de Fomento coa creación de miles de autorizacións VTCs (arrendamento de vehículos con condutor), controladas por grupos empresariais e multinacionais, que abocan o sector do taxi á crise máis profunda da súa historia", afirmou.

Díaz celebrou que a folga transcorre en Lugo "sen ningún problema" e "cumpríndose os servizos mínimos". Sobre a capital luguesa, indicou que son 69 as licenzas en vigor e en servizos mínimos "atópanse quince" taxistas, que "poderían atender outras chamadas" de urxencia.

José María Díaz subliñou que este tipo de vehículos (VTC) non causan "tantos problemas" en Lugo como noutras cidades máis grandes, aínda que aclarou que hai "taxis piratas", que poden sumar máis de cinco, abundou. Nalgúns casos son ex-compañeros "que xa están xubilados", apostilou.

En Pontevedra os taxistas secundaron esta xornada de protestas, onde uns 90 autopatronos con licenza na cidade protagonizaron unha concentración na Praza de España para visibilizar o seu conflito.

En Ourense, a Policía Local confirmou retencións no tráfico rodado debido á caravana de taxis que se mobilizou pola cidade das Burgas.

Polo seu lado, en Ferrol, os taxistas non secundaron a folga e optaron por traballar con normalidade e non programaron ningunha acción de protesta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Diego

Estos paros son totalmente normales y seguramente será una cosa cada vez más cotidiana debido a los abusos de otras empresas como Uber o Cabify que lo único que hacen es quitar trabajo a los taxistas.