Lugo ensaia unha plantación única en Galicia con 55 especies arbóreas dos montes galegos

Contará con medio milleiro de exemplares nunha superficie de 5 hectáreas e permitirá que en cada estación do ano a parcela luza unha composición cromática distinta.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 30/11/2017 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Todos os bosques de Galicia nunha soa parcela. Isto é o que terá o Concello de Lugo a través dunha nova actuación do plan Lugo+Biodinámico.Trátase dun proxecto pioneiro que consiste na plantación de 55 especies distintas de árbores e arbustos autóctonos, representativas de todos os bosques de Galicia, nunha parcela pública das Gándaras de 5 hectáreas de superficie.

Fraga de Casas Vellas, en Lalín
Fraga de Casas Vellas, en Lalín | Fonte: espoesiadesdeagolada.blospot.es

O deseño deste arboretum, que constará de medio milleiro de exemplares, permitirá que en cada estación do ano a parcela luza unha composición cromática distinta. Para conseguilo, cada exemplar plantarase con xeolocalización para conseguir a situación exacta.

Deste xeito, o proxecto creará un espazo de divulgación e participación aberto de maneira libre e gratuíta á comunidade educativa e científica e á sociedade lucense en xeral que permitirá achegarse aos hábitats máis representativos de Galicia.  A dirección dos traballos, que conta cun orzamento de 49.000€, correrá a cargo do catedrático da Escola Politécnica Antonio Rigueiro e, unha vez aprobados hoxe na Xunta de Goberno, poderán comezar de maneira inmediata.

“Con esta novidosa acción, e en xeral coas medidas incluídas no plan Lugo+Biodinámico, o concello sitúase á vangarda da planificación urbana sostible e dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida dos veciños e abrirá novas oportunidades económicas”, apuntou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

URBANISMO SOSTIBLE

Lugo+Biodinámico conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, achegados nun 50% polo plan Life e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural construtivo.

A plantación de 55 especies árboreas representativas de todos os bosques de Galicia súmase a outras iniciativas xa acometidas ou iniciadas no marco deste proxecto, como son a plantación de frondosas autóctonas e especies de alta rendibilidade enerxéticae a creación dun souto de castiñeiros autóctonos. Todas estas actuacións acométense en terreos públicos situados nas Gándaras e O Ceao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Moi boa nova!

2 Pacios.

Pode significar un ámbito de lecer ecoloxico para convivir na natureza.

1 José

Parabens!