Galicia participa na configuración dunha China aberta ao diálogo con partidos políticos de todo o mundo

Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional e do Observatorio da Política Chinesa, participa no encontro 'Diálogo de Alto Nivel do Partido Comunista de China con Partidos Políticos do Mundo', que ten lugar en Pequín.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/12/2017 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

China continúa coa súa política de portas abertas ao mundo. O presidente do país e secretario do Comité Central do Partido Comunista chinés , Xi Jinping, propuxo desenvolver un novo modelo de relacións entre partidos políticos de todo o mundo na procura de "intereses comúns, respecto e aprendizaxe mutua e deixando ao carón as diferenzas ideolóxicas". Nun encontro con partidos políticos internacionais en Pequín, Xi sinalou que o Partido Comunista de China (PCCh) ten unha "visión e mente abertas" e que está a desexar establecer diálogos, intercambios e cooperación con persoas e partidos políticos internacionais.

Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), no que se desenvolve o Observatorio da Política Chinesa, atende aos medios de comunicación no encontro 'Diálogo de Alto Nivel do Partido Comunista de China con Partidos Políticos do Mundo', en Pequín
Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), no que se desenvolve o Observatorio da Política Chinesa, atende aos medios de comunicación no encontro 'Diálogo de Alto Nivel do Partido Comunista de China con Partidos Políticos do Mundo', en Pequín | Fonte: Xulio Ríos.

No encontro destacou a presenza do galego Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), no que se desenvolve o Observatorio da Política Chinesa ( OPCh). Alí, Ríos destacou que o concepto proposto por China de desenvolver unha comunidade cun futuro compartido "proporciona sabedoría chinesa para os principais problemas relacionados co futuro e o destino da humanidade".

"Co avance da globalización, calquera partido político, comité de expertos e país non pode lidar só cos desafíos globais", dixo, e agregou que "a cooperación é a única forma de promover o desenvolvemento".

O director do IGADI tamén salientou que "os partidos políticos dos distintos países do mundo deberían asumir unha dobre responsabilidade para acelerar a reforma interna á luz das novas circunstancias e asumir responsabilidades máis globais na creación dun mundo mellor", recolle a axencia de noticias chinesa Xinhua.

Ríos participou cando outros expertos no encontro 'Diálogo de Alto Nivel do PCCh con Partidos Políticos do Mundo', que se celebra do 30 de novembro ao 3 de decembro na capital chinesa.

Centrándose nas responsabilidades dos partidos políticos na construción dunha comunidade de futuro compartido e un mundo mellor, á reunión asisten líderes de case 300 partidos e organizacións políticas de máis de 120 países e rexións.

O presidente chinés Xi Jinping dixo que a iniciativa de construír unha comunidade cun futuro compartido para a humanidade está a transformarse dun concepto en acción. "Estou encantado de ver que a cooperación amigable entre China e outros países se espalla cada vez máis e o concepto dunha comunidade cun futuro compartido para a humanidade está a gañar apoio por parte dun número cada vez maior de persoas", dixo.

Xi expuxo o concepto de construír unha comunidade cun futuro compartido para a humanidade en moitas ocasións desde o seu lanzamento en 2013, no que se salienta o principio de crecemento compartido mediante discusión, colaboración e participación activa na gobernanza global.

A iniciativa converteuse nunha gran plataforma de cooperación para que os países logren un desenvolvemento común. Proposto por Xi en 2013, a 'Iniciativa Belt and Road' ten como obxectivo construír redes de comercio e infraestrutura que conecten Asia con Europa e África a través de rutas terrestres e marítimas.

Con todo, Xi dixo que o PCCh non importará modelos estranxeiros de desenvolvemento nin exportará o modelo chinés. "Non pediremos a outros países que copien a práctica chinesa", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta