Temas: TEATRO ÁFRICA

Cando en Guiné os negros cantan “Catro vellos mariñeiros”

Os artistas guineanos Marcelo Ndong, Raimundo Bernabe Russo e Gorsy Edu Abaga protagonizan Manoliño Nguema, a peza coa que culminará a gravación en Galicia do documental homónimo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/12/2017 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O veterano artista guineano formado no Circo dos Muchachos de Ourense Marcelo Ndong e dous dos seus alumnos máis destacados, Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo), estrearán Manoliño Nguema, dous mundos que se tocan o día 15 de decembro no Teatro Principal de Compostela. A obra de teatro, da que só haberá unha representación, relata a incríble vida deste sexaxenario artista africano, un galego-guineano (como el mesmo se define) que deu varias veces a volta ao mundo co Circo dos Muchachos antes de volver ao seu país natal, a principios dos 90, onde acabou converténdose no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial. 

O artista guineano Marcelo Ndong
O artista guineano Marcelo Ndong | Fonte: Agareso

Nos días previos á estrea, Marcelo Ndong, Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo) percorrerán escenarios clave na vida galega de Manoliño como o son as rúas de Santiago de Compostela, onde adoitaba actuar como mimo; a Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense), onde se formou nas artes circenses cando chegou a España; ou a Ribeira Sacra. A vida de Marcelo convértese, así, na columna vertebral dun proxecto documental, musical e teatral, abandeirado pola ONGD Waka Films e pola produtora Fílmika Galaika, que contan tamén coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

Unha viaxe de ida e volta

No medio dun barrio de Malabo, a capital de Guiné Ecuatorial, tres negros cantan Catro vellos mariñeiros. O ritmo desta canción tradicional galega fúndese cunha percusión africana de raíces fang (unha das cinco etnias do país) e, con esta estampa inesperada, o trailer de presentación de Manoliño Nguema achéganos ao singular universo dun proxecto. Un proxecto que comezou sendo un documental e que pouco a pouco se foi transformando nunha iniciativa moito máis ampla que aglutina teatro, música e formación nun alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura.

Marcelo Ndong, alias Manoliño Nguema, é un galego-guineano (como el mesmo se define) nado cando Guinea Ecuatorial aínda formaba parte de España e formado grazas a unha bolsa de estudos no coñecido Circo dos Muchachos de Bemposta (Ourense), a primeira escola de circo de Europa, que nas décadas dos 70 e 80 se converteu no proxecto cultural máis internacional de España. 

Despois de dar a volta ao mundo co Circo dos Muchachos varias veces, Marcelo Ndong decidiu volver á súa terra natal a principios dos 90, para apoiar a reconstrución dun país que quedara devastado trala descolonización de España no 68 e a posterior ditadura de Macías. “Facía falta de todo, eu pensaba que o principal era a comida, así que montamos unha cooperativa agrícola”, conta o propio Marcelo. Pero a cabra tira ao monte, e en pouco tempo Marcelo xa cortara a yuca que medraba no cine abandonado dunha pequena cidade ecuatoguineana, Ebebiyin, para dar vida a un rudimentario teatro. Logo diso, trasladouse a Malabo e alí creou a primeira escola de circo do país, formou a centos de mozos, conseguiu bolsas para outros tantos e converteuse no indiscutible pai do teatro de Guinea Ecuatorial.

“Guiné é o único país africano que fala español, come paella e escoita Camela” conta o director do documental, Antonio Grunfeld, despois de vivir no país africano durante case cinco anos. “Parecíanos incríble o rápido que España esqueceu a Guinea, malia que o país se independizou hai menos de 50 anos. Investigamos e vimos que ese esquecemento non foi casual: a Lei de Materia Reservada franquista censurou durante case dez anos toda a información que chegaba sobre Guinea. Por iso, cando coñecemos a fascinante historia de Marcelo Ndong, que dalgún xeito rescata estes lazos, non quixemos deixala escapar”. 

De Guiné...

Este sexaxenario artista africano rexenta agora unha pequena gardería en Malabo, onde recibe a inesperada visita dos cinco membros da ONGD coruñesa Waka Films -especializada en proxectos de comunicación para o desenvolvemento- que o pasado mes de xullo se desprazaron ata Guinea Ecuatorial para perseguir a historia de Marcelo Ndong. Catro anos despois de que a primeira idea vise a luz e logo de moitas idas e voltas, por fin estaban listos para comezar a gravación, aproveitando unha circunstancia única. 

Quico Cadaval pedíralle a Marcelo que, como en tantas outras ocasións, montara unha obra de teatro. Pero, desta vez, que o argumento fora a súa propia vida. Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que será representada en Santiago de Compostela. Unha viaxe persoal e creativa que os conducirá desde a Guinea postcolonial e a España franquista ata a actualidade de ambos os dous países, para ir pouco a pouco descubrindo a través do seu incríble periplo vital como mimo, músico, actor, circense, pero sobretodo migrante, os vivos e ata agora pouco coñecidos lazos culturais que unen Guinea Ecuatorial e España. 

... ata Galicia

O equipo de Manoliño Nguema, de volta en Galicia despois de gravar a primeira parte do documental en Guinea Ecuatorial, busca agora financiamento colectivo para poder concluír o proxecto cun crowdfunding a través da plataforma Verkami. As rúas de Santiago de Compostela, a Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, ou a Ribeira Sacra serán algúns dos escenarios escollidos para a rodaxe en Galicia, que terá lugar durante as dúas primeiras semanas de decembro e que culminará coa representación dunha obra de teatro realizada por Marcelo Ndong con dous dos seus alumnos -Gorsy Edú e Raimundo Bernabé (Russo)- no Teatro Principal de Santiago de Compostela o próximo 15 de decembro. 

“É unha oportunidade única de coñecer os lazos que unen a España co país africano e de participar na elaboración do documental homónimo, un alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura”, sinala a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).  As entradas xa están dispoñibles por un donativo de 10 €  na billeteira do propio teatro (Rúa do Vilar, 9), no Pub Medusa (Rúa das Ánimas,1), e na librería Carballido da Coruña (Avenida da Concordia, 14). 

Temas: TEATRO ÁFRICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 chafarico

Na Guiné (Bissau) muitos pretos falam galego desde tempo atrás. Mas os galeguinhos continuamos coma a nossa fronteira mental do espanhol.