Temas: DEMOGRAFíA

O desafío demográfico: aumenta a esperanza de vida dos galegos e as mortes dobran os nacementos

A esperanza de vida elévase xa a 82,65 anos. Ao mesmo tempo, as defuncións no primeiro semestre deste ano eleváronse a 16.812, mentres que os nacementos se limitaron a tan só 8.870. Case a cuarta parte dos galegos superan os 64 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2017 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O desafío demográfico que enfronta Galicia agudízase: a esperanza de vida dos galegos no momento do seu nacemento elevouse lixeiramente en 2016 con respecto ao exercicio anterior, ao pasar dunha estimación de 82,61 anos a 82,65. Ao mesmo tempo, as mortes dobran os nacementos.

Muller maior facendo gimnsasia, mulleres maiores facendo ximnasia
Muller maior facendo gimnsasia, mulleres maiores facendo ximnasia | Fonte: Europa Press

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a esperanza de vida dos galegos é lixeiramente inferior á media do conxunto estatal, onde a cifra pasou de 82,69 anos en 2015 a 83,1 no exercicio anterior.

No detalle por sexos, en Galicia os homes viron caer a súa esperanza de vida en 2016, pois o dato pasou de 79,59 anos a 79,44. Con esta estimación, sitúanse tamén por baixo da media española, que prevé que os homes nados en 2016 vivan de media 80,31 anos.

En cambio, o dato das mulleres en Galicia atópase máis parello á estatística estatal, pois reflicte unha vida media de 85,83 anos. No caso das galegas, aumentou desde os 85,56 de 2015; mentres no estatal partía dos 85,4.

Por provincias, a maior esperanza de vida localízase en Ourense, até os 83,05 anos. Mentres a media das mulleres ourensás alcanza os 85,88 anos, a dos homes cae até os 80,22.

No que se refire a mortes e nacementos, o primeiro semestre deste ano pechouse en Galicia cun total de 16.812 defuncións, mentres que os nacementos limitáronse a 8.870.

Con estes datos, que fixo públicos este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE), o saldo vexetativo da poboación galega é negativo en 7.942 persoas.

En contraste coas cifras do mesmo período do ano anterior, reflíctese un aumento do 2,3 por cento nos falecementos e unha caída do 5,8 por cento no número de nacementos.

E é que no primeiros seis meses de 2016 morreron no país 16.431 persoas, por 9.421 que viñeron ao mundo. O saldo vexetativo tamén empeorou, pois entón era de -7.010.

NACEMENTOS NA SEGUNDA COMUNIDADE MÁIS ENVELLECIDA

Na segunda comunidade co maior índice de envellecemento de España (só por detrás de Asturias) segundo os datos de 2016, a taxa bruta galega de natalidade é a terceira peor do Estado (despois de Castela e León e Asturias).

En canto aos 8.870 nados na primeira metade deste ano en Galicia, máis da metade son nenos (4.572) por 4.298 nenas. De nai estranxeira naceron 626 bebés. O pasado ano, a idade media de maternidade en Galicia situábase en 32,6 anos.

En 2017, a idade media da poboación galega rolda os 47 anos (46,76) e as persoas con máis de 64 anos atópanse xa moi preto de constituír a cuarta parte dos residentes en Galicia. En concreto, supoñen o 24,56 por cento, por encima do dato do último ano.

CAEN AS VODAS

Ademais, no primeiro semestre deste ano rexistráronse 3.471 casamentos en Galicia, que maioritariamente se celebraron polo civil.

Polo rito católico tiveron lugar 496, mentres que outras relixións acolleron nove enlaces. Dos 99 restantes non consta o tipo de cerimonia realizada.

Outro dato que achega o INE é que 423 deses matrimonios están compostos por, alomenos, unha persona estranxeira.

Así mesmo, indica que Galicia é a cuarta comunidade na que menos descendeu o número de vodas —só se incrementaron en Euskadi—, cun 1,5 por cento (após Canarias, Castela e León e Asturias).

En total, o pasado ano casaron en Galicia 9.379 parellas, das cales 9.246 eran de distinto sexo e 133, do mesmo.

Temas: DEMOGRAFíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta