Iniciativa no Parlamento para reclamar un plan eficaz contra a velutina

Representantes da Plataforma Stop Velutina, acompañados por todos os grupos da oposición, rexistran unha proposición non de Lei na Cámara galega para reclamar medidas urxentes para frear a expansión da avespa asiática.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/12/2017 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

Os representantes da Plataforma Stop Velutina-Galicia, Laura García e Diego Sánchez, rexistraron este mércores, acompañados por todos os grupos parlamentarios da oposición, unha iniciativa parlamentaria coa que pretenden chamar a atención da Xunta sobre a gravidade da praga. O camiño elixido é a iniaciativa parlamentaria xa que a plataforma pretende crear un debate no Parlamento acerca desta grave situación, e do mesmo xeito, que a Cámara lexislativa inste á Xunta a poñer en marcha medidas efectivas para frear a expansión do insecto. Os propios grupos parlamentarios xa presentaran unha PNL similar a principio de mes co texto facilitado pola plataforma.

Entrega da proposición non de Lei no rexistro do Parlamento.
Entrega da proposición non de Lei no rexistro do Parlamento. | Fonte: GConfidencial

O obxectivo é a realización dun repaso acerca da situación actual que está a provocar a avespa velutina no medio ambiente e os graves efectos que ten sobre a apicultura e a froitocultura, algo que claman dende todo os sectores afectados, así como a aplicación efectiva das medidas de control poboacional da especie.


"Levamos dende o 2012 coa velutina presente en Galicia, e en 5 anos consiguíu colonizar o 70% do territorio galego, levando consigo abellas e outros insectos, kilos de mel e froitas, varios sustos e o desgraciado acontecemento sucedido no Porriño o pasado mes de novembro. Hai que actuar xa", reclamou Laura García Sáez.
 
AS PETICIÓNS DA PLATAFORMA

Unha das reivindicacións principáis das PNL presentadas é a realización, por parte da Xunta, dun trampeo masivo de primavera que permita capturar futuras raíñas fundadoras e evitar así a aparición dos enormes niños secundarios no verán. Xunto ó trampeo, a plataforma esixe á Xunta o asino de convenios de colaboración coas universidades galegas a fin de continuar coa investigación e atopar así ferramentas de control biolóxico que permitan controlar a expansión nun longo prazo. Igualmente, solicitan á Xunta que diseñe e convoque un sistema de axudas directas que permita facer fronte aos gastos que ocasiona esta especie nas colmeas e frutais. 

"Os apicultores experimentan entre un 20-30% máis de custos asociados á velutina, e isto sen contar a perda de abellas e a perda nas colleitas de mel", apuntan dende Stop Velutina.


En último lugar, a plataforma solicita a presenza dos sectores afectados nos organismos da Administración que se están a "encargar" do problema, a chamada Comisión de seguimento da que forman parte tres consellerías e que actualmente parece non ser operativa.

OS OBXECTIVOS

Con esta chamada de atención, a Plataforma pretende que a Xunta finalmente aplique con seriedade as medidas do seu propio protocolo (Protocolo de vixiancia e xestión fronte a avespa asiática, de xullo do 2016) e que no vindeiro ano a xestión da invasión conte cunha partida orzamentaria única, cousa que non ten en Galicia polo momento e que non sucede actualmente noutras comunidades afectadas pola vespa velutina.

URXENCIA DAS MEDIDAS

A plataforma considera fundamental que as propostas entren a debate parlamentario este mesmo ano, xa que o plan de trampeo primaveral debe ser realizado nos meses de primavera (de febreiro a abril ou de marzo a maio según as condicións climáticas de cada zona), co cal todo debería estar preparado a finais de xaneiro e isto esixía traballar rápidamente e que quedase debatido e votado antes da finalización do período de sesións do 2017.

Por este motivo, a PNL presentada polos grupos parlamentarios a principios de novembro será debatida no último pleno do ano, o 20 decembro, mentres que a PNL presentada pola propia plataforma será xa debatida en xaneiro do 2018. 

FALTA DE COORDINACIÓN

Por último, a Plataforma Stop Velutina-Galicia esixe á Xunta a coordinación coas outras comunidades afectadas para unha mellor xestión da invasión e para adoptar unha postura conxunta. "Soubemos que o 15 de novembro reuníronse en Santander os representantes das Consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural das comunidades veciñas, Asturias e máis Cantabria, co obxectivo de xuntar forzas e levar propostas ao Ministerio. Galicia non asistiu a esta reunión e non coñecemos os motivos”, denuncian dende a plataforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta