Correctivo das bases socialistas a Gonzalo Caballero que queda sen poder provincial

Valentín González arrasa no PSdeG da Coruña e en Ourense haberá novas eleccións entre o rexedor de Amoeiro, Rafael Rodríguez, afín a Caballero, e Noela Blanco, dos críticos. Queda fóra da loita un histórico do socialismo, Pachi Vázquez.

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 17/12/2017 | Actualizada ás 22:40

Comparte esta noticia

Gonzalo Caballero gañou unha importante batalla dentro do PSdeG, pero non a guerra. De feito, a importante vitoria que obtivo nas eleccións á Secretaría Xeral do PSdeG en outubro pasado, quedou ensombrecida polas duras derrotas que sufriu nos congresos provinciais. Primeiro foron os de Pontevedra e Lugo e despois o da Coruña, onde Valentín González, tomou o mando do partido e arrasou co 70% dos votos da militancia.

Presidente da Deputación dá Coruña, Valentín González Formoso
Presidente da Deputación dá Coruña, Valentín González Formoso

A única baza que lle queda ao novo líder socialista é Ourense. Alí, a deputada autonómica Noela Blanco, crítica, e o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, afín a el, disputaranse a dirección provincial nunha segunda volta das primarias, tras quedar fora o que foi secretario xeral nesa provincia e un histórico do socialismo galego, Pachi Vázquez. De feito, será el quen decida a contenda, para un bando ou para o outro.

A vitoria de González Formoso foi incuestionable. Tras ser cuestionado por non presentarse el no congreso galego e designar a Juan Manuel Díaz Villoslada --que acabou perdendo fronte a Caballero--, desta volta decidiu coller el mesmo o timón do partido na Coruña e asumir persoalmente a contenda contra Mercedes Rosón, a candidata caballerista. 

A CORUÑA

E a súa vitoria foi contundente. Fíxose co 68,49% dos votos, ao obter 1.450; mentres que Mercedes Rosón foi apoiada por 666 persoas, o 31,46% das 2.116 papeletas emitidas polos socialistas coruñeses. González Formoso partía como favorito porque tiña o apoio de boa parte dos rexedores da provincia. Así, logrou integrar no seu equipo a dous dos outros seis precandidatos que había para este proceso interno: o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar; e o portavoz en Mazaricos, Javier González Trillo.

Rafael Rodríguez Villarino e Noela Blanco mediranse nunha segunda volta
Rafael Rodríguez Villarino e Noela Blanco mediranse nunha segunda volta

Pola súa banda, no equipo da santiaguesa considerada máis afín ao actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, adscribíronse o rexedor de Ares, Julio Iglesias; o militante coruñés Lois Fermín Vázquez; así como o tenente de alcalde de Culleredo, Diego Taibo.

Tras coñecer os resultados provisionais que o sitúan como novo líder provincial, González Formoso considerou que o PSdeG pode "presumir" de "procesos democráticos" na selección dos seus líderes e asegurou que estes comicios "avalan unha forma de entender a política". Por iso, rexeitou falar de "baronías" e sinalou que os novos dirixentes provinciais son uns "compañeiros" máis. "Somos compañeiros que pegamos todos carteis en cada proceso, un equipo ao servizo dun partido que ten como único obxectivo captar a confiaza da cidadanía", incidiu.

OURENSE

A diferencia da Coruña, en Ourense teranse que repetir as votacións xa que ningún dos candidatos obtivo máis do 50% dos votos. O rexedor de Amoeiro foi o que máis apoios obtivo, ao facerse con 427. Pola súa banda, Noela Branco obtivo 336 votos e Pachi Vázquez 307.  Por iso, os militantes terán que voltar a votar o vindeiro 30 de decembro.

E neses comicios pode ser decisivo un histórico do socialismo, Pachi Vázquez, que, curiosamente, acabou sendo derrotado por dous dirixentes que creceron a súa sombra. As carreiras políticas de Noela Blanco e de Rodríguez Villarino foron impulsados por el, aínda que logo acabaron distanciándose.  E, agora, cada un aposta por un sector diferente; a parlamentaria apoiou nas primeiras galegas ao candidato que perdeu, Juan Díaz Villoslada, mentres que o rexedor entrou na dirección conformada por Gonzalo Caballero.

Se Rodríguez Villarino perde, Gonzalo Caballero non terá ningún poder provincial. Unha situación que o pon nun serio compromiso porque son, precisamente, as executivas provinciais socialistas as que deciden as listas para as autonómicas. E pode darse o caso de que Gonzalo Caballero encabece unhas listas electorais que para nada estarán ás súas ordes, senón as dos seus secretarios provinciais.

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero | Fonte: galiciaartabriadigital.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Finezza

Non dirás que non te avisei sobre algunhas dos teus acompañantes dende aquí... Ves? Precisas de xente moi capaz para tourear nesa praza e, francamente, algún non semella selo. Sorte, que creo que a vas precisar.