O Barça pasa por riba do Depor

Un Barcelona moi superior gañar por catro goles que puideron ser moito máis a non ser polas boas intervencións de Rubén e os balóns ao pau.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 18/12/2017 | Actualizada ás 00:37

Comparte esta noticia

O Dépor afrontaba unha das saídas máis complicadas da temporada, visitando ao líder da competición no Camp Nou e para iso Cristóbal Parralo apostou pola continuidade con respecto ao anterior partido, repetindo o 11 que na xornada 15 impuxérase ao Leganés no Estadio Abanca-Riazor.

O Depor saíu goleado polo Barça no Nou Camp
O Depor saíu goleado polo Barça no Nou Camp | Fonte: Deportivo da Coruña

O choque arrincou con moita intensidade. A primeira chegada produciuse no minuto 3 nunha apertura de Luís Suárez para Iniesta, con deixada atrás para Messi que o arxentino mandou desviada. No minuto 5, Mateu Lahoz anulou un gol local após unha triangulación na frontal na que Luís Suárez arrinca en posición antirreglamentaria antes de culminar a xogada combinativa.

A primeira chegada do Dépor produciuse no 10 cunha contra de Carles Gil retardada nos metros finais e solventada cun cambio de xogo á esquerda, por onde Çolak fixo chegar o balón a Borges que disparou desde a frontal ás mans de Ter Stegen. En área contraria, Rubén chapou no 14 un lanzamento raso de Messi, rematando de primeira un centro á frontal de Jordi Alba.

Ao paso do minuto 15 o partido acougouse despois do intercambio constante de chegadas que se produciu até ese momento, no que o Barça viuse obrigado a facer un cambio pola lesión de Paco Alcácer, que deixou o seu sitio a Aleix Vidal. No minuto 27, Rubén despexou unha gran xogada persoal de Leo Messi que rematou cruzado o arxentino. Na seguinte chegada fixo o propio a remate de Aleix Vidal.

O PODERÍO DO BARÇA

Foron dous minutos de acoso constante do Barcelona que acabaron co primeiro gol blaugrana, nunha saída da defensa do Dépor que aproveitou nas pavías do fora de xogo o ataque local para unha xogada de tiralíñas que acabou servindo Messi após controlar co peito e rematando en boca de gol Luís Suárez.

No 36 o propio Messi estrelouna no traveseiro após unha contra nun balón colgado por Carles Gil que Ter Stegen puxo en xogo sen solución de continuidade. Foi o primeiro dos seis tiros ao pau do partido, todos con acento culé. A seguinte do arxentino ao pau aproveitouna Paulinho para empurrar o rexeite e pór o 2-0 no marcador a 5 minutos do descanso, ao que se chegou despois de que Rubén sacase sobre a liña un remate de rabona de Luís Suárez.

A continuación non puido ser máis negativa cun centro de Sergi Roberto rematado por Luís Suárez ao fondo da portería cando non se completaron dous minutos do segundo tempo.

Un zapatazo de Carles Gil ao lateral da escuadra no 55 foi a primeira gran aproximación do Dépor após o descanso, das poucas no segundo tempo.

Corenta e cinco minutos nos que deu a sensación de que o ritmo do partido baixou pero as ocasións seguiron chegando para os locais, como o tiro no 66 ao pau de falta directa de Messi ou o balón que Rubén birlou dos pés de Luís Suárez cando lle encarou, xusto un minuto antes do penalti de Fede Valverde sobre o uruguaio que parou o de Coristanco.

Nada puido facer no cuarto do Barça cun remate de Jordi Alba ao pau que quedou aos pés de Paulinho para empuxar ao fondo da portería. Cun Barça netamente superior, o Dépor consumiu un partido no que apenas puido competir de ti a ti, tocando pensar xa en #onosoderbi do próximo sábado.

FC Barcelona: Ter Stegen, Piquei, Rakitic, Iniesta (André Gomes, min. 76), Suárez, Messi, Paulinho, Paco Alcácer (Aleix Vidal, min. 23), Jordi Alba (Digne, min. 81), Sergi Roberto e Vermaelen.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Sidnei, Navarro, Guilherme (Valverde, min. 63), Borges, Carles Gil (Borja Vale, min. 84), Çolak (Bakkali, min. 63), Adrián e Lucas.

Goles: 1-0 Luís Suárez (min. 29); 2-0 Paulinho (min. 41); 3-0 Luís Suárez (min. 47); 4-0 Paulinho (min. 75).

Árbitro: Mateu Lahoz (C. Valenciano). Amoestou a Schär (min. 32).

Incidencias: partido da 16ª xornada de LaLiga Santander disputado no Camp Nou ante 53.607 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Deportivo da Crunha

A camisola coa bandeira tamém a porám quando joguem contra o Madri, nom é ? Ou apenas lembram a sua galeguidade quando vam a Catalunha?