O xoves comeza un inverno que ofrecerá algúns espectáculos astronómicos

A nova estación durará ata o 20 de marzo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/12/2017 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

Ás 17:28 horas deste xoves comezará o inverno no hemisferio norte, prolongándose ata as 17:15 horas do 20 de marzo. Remata así na área de Compostela outro outono seco, moi semellante ao de 2016. Se o ano pasado se recolleran 321,1 litros/m2 en 37 xornadas, este ano foron 331,6 en dous días menos, se ben 100,5 deles corresponden ao 10 de decembro. 

Con respecto aos fenómenos que se poderán observar, dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) destacan unha curiosa aliñación nos amenceres de febreiro e marzo dos planetas Saturno, Marte e Xúpiter coas brillantes estrelas Antares e Spica. Entre os días 5 e 11 deses dous meses a Lúa irá percorrendo esa aliñación. 

En canto ás dúas eclipses desta estación –total de lúa o 31 de xaneiro e parcial de sol o 15 de febreiro– ningunha será visible en España. O que si se poderá ver é a Mercurio a simple vista antes da saída do Sol en torno a fin de ano e a mediados de marzo logo do solpor. Nesta segunda oportunidade Mercurio estará preto de Venus, sendo así máis sinxela a súa localización.

Simulación da aliñación dos planetas Saturno, Marte e Xúpiter en febreiro e marzo de 2018
Simulación da aliñación dos planetas Saturno, Marte e Xúpiter en febreiro e marzo de 2018 | Fonte: USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta