Stop Desafiuzamentos volve saír a rúa para impedir que unha xubilada de 80 anos quede sen a súa casa

Critican que o banco quere agora romper un trato verbal que había coa directora dunha sucursal e que se estivo cumprindo sen problemas durante os últimos sete anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Mercedes, 80 anos, é outra das vítimas da crise económica e do furor hipotecario. Avalou cun crédito con garantía hipotecaria coa súa vivenda e outros bens á súa filla que tiña unha pequena empresa. Pero estoupou a burbulla económica e esa empresa atopouse cunha morea de recibos devoltos.

Manifestante de Stop Desahucios en Santiago
Manifestante de Stop Desahucios en Santiago

“Era o tempo de cando o líquido non chegaba pero as pequenas empresas negábanse a despedir ou deixar de pagar ós seus traballadores e preferiron endebedarse cos bancos”, apuntan desde Stop Desafiuzamentos Santiago. Pero, finalmente, a filla de Mercedes tivo que pechar o seu negocio e endebedouse co banco.

Con todo, chegou a un acordo coa directora da sucursal do Banco Echeverría, o de toda a súa vida. Como tiña dous créditos, acordaron que nun primeiro momento se pagara o crédito persoal, cunha aportación mensual que permitira comer á familia, e máis adiante pagarían o crédito coa garantía hipotecaria. “Era un aceptable acordo; Mercedes e a súa familia poderían comer e o banco máis tarde ou máis cedo cobraría”, indica. 

E así foi durante sete anos ata que o novo banco decidiu romper ese acordo aducindo que non existía ningún acordo. E, de feito, non o había porque fora un acordo verbal. Agora, Mercedes pode quedar na rúa se non hai un novo pacto coa entidade bancaria, que é o que busca. Por iso, e para evitar que quede na rúa, Stop Desafiuzamentos convoca a unha concentración diante da oficina de Abanca na Praza de Galicia de Santiago.

“Aínda que xa esteamos no olvido porque deixamos de ser noticia, ainda que os datos do poder xudicial indiquen que as execucións e desafiuzamentos baixaron pouco, seguimos aí e non vamos consentir que se deixe a Mercedes e familia na rúa”, indican nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta