Temas: VILALBA

O capón, protagonista en Vilalba

Este xoves a capital chairega acolle unha nova edición da tradicional ‘Feira do Capón’.

Por X.M. Fernández | Vilalba | 20/12/2017 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

Como novidade deste ano salientar o recoñecemento da IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Capón de Vilalba, selo distintivo que lle foi outorgado en novembro e que abre o camiño para ampliar o potencial de produción e de comercialización que ten este produto.

Premio mellor criadora 2017. Fonte: Asoc. Criadores de Capón de Vilalba.
Premio mellor criadora 2017. Fonte: Asoc. Criadores de Capón de Vilalba.

Segundo nos comenta Gonzalo Hermida, Presidente da Asociación de Criadores de Capón de Vilalba, "os trámites para esta distinción comezaron hai dous anos e o pasado mes tivemos unha resolución favorable". Explícanos tamén que esta concesión administrativa non significa que xa se teña o selo oficialmente, antes será necesario un período de implantación que lle corresponde á Consellería de Medio Rural no que hai que afrontar, entre outros traballos, a redacción de normativas relacionadas coa certificación, os requisitos esixidos ás explotacións, requisitos para o sacrificio do capón e os detalles máis técnicos da certificación. Se hai sorte, ao longo do 2018 poderían rematarse estos trámites administrativo-xurídicos.

Aproveitando a confianza de Gonzalo quixemos saber máis sobre o Capón, produto tan desexado estes días para formar parte das comidas de Nadal.

Cando e para que naceu a Asociación de Criadores de Capón de Vilalba?

A asociación creouse no ano 2.000 e naceu para asesorar e formar aos criadores, había que adaptarse ás normativas comunitarias e polo tanto era necesario ofrecer cursos de formación para facer as cousas con xeito. Ademais do anterior tamén nos encargamos de buscar a uniformidade e da trazabilidade do produto.

Capón cociñado. Fonte: Asoc. Criadores de Capón de Vilalba.
Capón cociñado. Fonte: Asoc. Criadores de Capón de Vilalba.

Os criadores estiveron implicados dende o primeiro momento?

Xa sabes como somos os galegos, Atopamos algunha reticencia e desconfianza previa pero polo xeral todos viron que as cousas que se facían era polo ben de todos. A partir do segundo ano estaban todos convencidos (risas).

A concesión da IXP, un premio tamén ao voso traballo?

O traballo do criador é a base e o noso traballo administrativo complementa e fai posible que se acaden estes recoñecementos. Despois de tempo tramitando a IXP, en novembro foinos concedida, pero como comentei antes isto non significa que xa se poda utilizar o selo. Con esta IXP distínguense dúas variedades de capón, o “capón grande todo o ano” con cría durante cinco meses e un peso duns 3 quilos e o “capón tradicional de Nadal” criado durante sete meses e cun peso duns 5 quilos.

Que aportará o selo á produción e comercialización?

Pois avantaxes moi grandes. Poderemos pasar da comercialización limitada actual, unha parte dos capóns véndese na granxa e outra gran parte no mercado de Nadal (amparada polo Concello como produto artesanal) a unha comercialización “profesional” podendo vender a outra escala e en establecementos comerciais de todo tipo. Un dos inconvintes actuais é que só se pode vender o día da feira ou a algún cliente cando vai á propia explotación.

A certificación do produto fará posible o desenvolvemento da produción, un cambio de mentalidade nos criadores e unha “profesionalización” do sector.

Que previsións de relevo xeracional hai no sector?

Hai un leve aumento e relevo xeracional nos criadores e esperamos vaia a máis agora coa IXP. Tomando como exemplo na zona o Queixo de San Simón a cousa vai ir a máis seguro.

Como se fai un capón?

Mércanse os polos, de “raza semipesada” (crecemento lento) e cun mes de vida para entrar na explotación. Teñen que ser castrados, detalle importante pois se non foron castrados xa non se pode considerar “capón de Vilalba” e sería un fraude vendelo como tal. Este ano haberá controis nas explotacións e na propia feira.

Os polos, mercados no mes de maio, andan por fóra, ao aire libre en cría extensiva ata o mes de outubro cando entran na capoeira. A partir deste momento serán alimentados con pataca cocida e millo. Antes eran “embuchados”, metíaselles a comida na boca coa man pero hoxe xa non se fai, non está admitido por normativas de trato animal.

Chegado o mes de decembro, e cun peso aproximado de entre 4 e 6 quilos xa serven para sacrificar. A mata, a día de hoxe, faise na propia explotación a través do sangrado.

Produción e prezo dos capóns para mañá?

A produción deste ano, duns 60 criadores, é de 1.800 pezas e o prezo andará entre os 80 e os 120 €.

Andará? De que depende o prezo?

Da calidade pero sobre todo do “regateo”. Estamos nunha feira (risas). O regateo forma parte tamén da tradición e chama bastante a atención o día da feira.

O programa da Feira do Capón para este xoves 21:

A partir das 9.00 h. Entrada dos capón no recinto feiral.

10.00 h. Apertura da feira ao público.

12.30 h. Entrega de premios aos mellores criadores.Premio ao mellor criador/a (300 euros) á mellor cesta (200) e ao mellor par (150).

A Charanga de Vilalba e a Banda Mato Vizoso amenizarán o evento e ata o día 23 todos aqueles que o desexen poden degustar capón de Vilalba nos establecementos hostaleiros que participan nas xornadas gastronómicas. A tapa especial custa 2,50 euros.

Futuros capóns. Fonte: Asoc. Criadores de Capón de Vilalba
Futuros capóns. Fonte: Asoc. Criadores de Capón de Vilalba
Temas: VILALBA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

A criar capóns logo ;)