O PP, en contra do trampeo masivo para frear a velutina

Os populares rexeitan a proposta da Plataforma Stop Velutina apoiada por toda a oposición argumentando que os estudos científicos desaconsellan esta medida polo “dano á biodiversidade”.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

Os tres grupos da oposición defenderon no pleno da Cámara unha proposta, trala petición da Plataforma Stop Velutina, para realizar “un trampeo masivo" en primavera co fin de frear a invasión desta especie, que permita capturar futuras raíñas fundadoras e evitar deste xeito a aparición de niños secundarios no verán.

Niño de avespa asiática nunha árbore.
Niño de avespa asiática nunha árbore.

A iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular, que asegura que "non hai nin un só" estudo científico que "aconselle ese trampeo masivo", xa que os productos para atraer as avespas asiáticas "non son selectivos" e "collen todo tipo de insectos”, xustificou a deputada popular Raquel Arias.

No debate da proposta, Arias remitiuse a un estudo recente da UVigo que "di que o trampeo masivo é totalmente desaconsellable" polo “enorme dano que provoca na biodiversidade”, pois "por cada velutina que se mata, mátanse cen insectos que están facendo o seu traballo no medio ambiente”.

As propostas da oposición rexeitadas pedían á Xunta acometer unha campaña primaveral coa distribución de 50.000 trampas por todo o país, habilitar o orzamento necesario á investigación para combatir a praga, establecer axudas directas para os afectados, así como realizar unha campaña informativa para concienciar á sociedade.

POSTURA DA OPOSICIÓN

Mentres, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), avisou de que "a alarma é real" e "a xente está asustada" ante a praga, polo que considera crucial identificar os niños primarios e establecer métodos de loita biolóxica. Rivas denunciou que tres deputacións asumen en solitario 200.000 euros en investigación fronte aos 50.000 euros tan só que destina Medio Rural.

Pola súa banda, Paula Quinteiro (En Marea) laiouse de que cinco anos despois da chegada da velutina en 2012 a Galicia, o 70% do país está colonizado pola avespa asiática, con "danos económicos, medioambientais e ecolóxicos" considerábeis. A deputada de En Marea cargou contra as medidas da Xunta “descoordinadas, parciais e insuficientes”.

En resposta á oposición, Raquel Arias defendeu a actuación da Xunta ante a praga e destacou que no vai de ano retiráronse xa 21.000 niños de velutina en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta