Os bombeiros do Consorcio de Pontevedra manifestaranse contra os "incumprimentos" de Matinsa

Denuncian tamén "represión" por parte da empresa, polo que anuncian unha manifestación para o 29 de decembro.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/12/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Tras catro anos de xestión da empresa Matinsa, os bombeiros consideran que o Consorcio Provincial, formado por Xunta e Deputación, "non pode tolerar máis tempo os gravísimos incumprimentos" nos que, ao seu parecer, "incorre Matinsa dende hai longo tempo", advirte o comité de empresa.

Manifestación dos bombeiros contra a privatización
Manifestación dos bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Estes "incumprimentos" da empresa, que impiden en moitos casos aos bombeiros desempeñar a súa labor, ou polo menos "dificúltaa en extremo", fan que "vehículos estean longos períodos avariados, que materiais non se repoñan, que non se fagan mantementos adecuados, que ao non cubrir as baixas do persoal as dotacións estean case sempre ao mínimo, etc, etc., con evidente afectación á calidade do servizo aos cidadáns", detallan os bombeiros.

Agora, e tras facer denuncias públicas sobre esta situación, acudir a Inspección de Traballo e denunciar incumprimentos da Lei de Prevención de Riscos — tralas que a Inspección de Traballo considerou que tiñan razón—, manter dende hai tempo unha folga, transmitir a través de rexistro incidencias e labores que Matinsa non estaba a atender, asistir a plenos de concellos como Cangas, Moaña, Marín, Vilagarcía, Cambados Bueu..., chegou o tempo para eles de facer unha manifestación para seguir visualizando o problema.

Porque "mesmo chegamos a sufrir represión por parte da empresa, unicamente por esixir o que é básico para o servizo", denuncian.

Por todo iso consideran que deben "dar un paso máis" e convocar unha manifestación o 29 de decembro en contra da xestión de Matinsa e a favor dunha desprivatización do servizo para, do mesmo xeito que outros consorcios provinciais, avanzar cara a un modelo "baseado unicamente no beneficio dos cidadáns e na estabilidade económica das administracións, e non no beneficio empresarial", argúen.

A manifestación ten como obxectivo visualizar as súas demandas e que os cidadáns coñezan cal é "a realidade das emerxencias", ademais de lembrar aos políticos con responsabilidades neste tema que "está na súa man reverter esta situación e dotar ao Consorcio de Pontevedra dun servizo acorde co que os cidadáns merecen".

"As Deputacións de Lugo e A Coruña, xunto coa Xunta de Galicia, avanzaron nos seus consorcios respectivos cara a unha reversión deste sistema privado a favor dun público. Cremos que Pontevedra non debe quedar atrás e seguir o exemplo marcado, pois Matinsa, filial do grupo FCC, deulle motivos dabondo para que o Consorcio Provincial aposte pola reversión", conclúen os bombeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta