O PSdeG valora que o discurso de Felipe VI estivo "medido" e foi "equilibrado" e nun ton "conciliador"

Aplaude as referencias á desigualdade, o emprego, a corrupción, o cambio climático, a violencia de xénero, Europa e o xihadismo

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/12/2017 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, valorou que o discurso do Rei de España "estivo nesta ocasión medido nos contidos e foi equilibrado nun ton conciliador". A través dun comunicado, o líder socialista sinala que o xefe do Estado "abordou a cuestión catalá, pero tamén incorporou unha axenda con outros temas políticos e sociais relevantes para a cidadanía".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Con todo, apuntou que estes discursos teñen "unha importancia relativa na sociedade actual" e que, nesta liña, obteñen un seguimento "limitado".

"Os socialistas compartimos a relevancia histórica da construción e consolidación da democracia de España nas últimas décadas, a pesar das debilidades existentes", resalta Caballero.

"ESPAÑA ABERTA E PLURAL"

Así, mostrou a súa coincidencia en "defender o Estado social e democrático de dereito" á vez que apostou por unha España "aberta, solidaria, plural, diversa, con espírito integrador e de concordia".

Para Caballero, o Rei interveu nun sentido "positivo" para "contribuír a alcanzar un escenario político en Cataluña cun espírito de convivencia e respecto mutuo entre a cidadanía".

A pesar de todo, incidiu en que "máis aló da cuestión catalá a cidadanía require de respostas políticas a aqueles temas sociais que máis lle preocupan".

Por iso, celebrou as referencias á desigualdade social, á calidade do emprego, á corrupción, ao cambio climático, á violencia de xénero, a Europa e ao terrorismo xihadista. "Habería outros temas de axenda social que teñen relevancia tamén para ser tratados, pero entendemos que a brevidade do discurso limita a axenda de contidos", puntualizou.

Por último, o secretario xeral do PSdeG subliñou a referencia do discurso a "asumir unha España en movemento con capacidade de evolucionar e adaptarse".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta