Por Galicia Confidencial | Madrid | 27/12/2017 | Actualizada ás 13:00
Durante o franquismo houbo miles de represaliados e moitos deles acabaron en cunetas polas súas ideas. Gran parte deles eran castigados polas súas ideas políticas, pero tamén houbo moitas e moitos que foron represaliados pola súa orientación sexual, por ser sospeitosos de ser homosexuais ou lesbianas.
Por iso, e para que este tipo de represión tampouco sexa esquecida, a senadora de En Marea, Vanessa Angustia, presentou unha batería de preguntas no Senado dirixidas ao Goberno central para coñecer a reparación e indemnización destas vítimas. E o fixo na conmemoración este 26 de decembro do día da despenalización da homosexualidade no Estado español.
“O Estado español mantén unha débeda con todas as persoas que loitaron contra a ditadura franquista e que loitaron polos dereitos sexuais e reprodutivos”, sinalou a senadora. Por iso, reclamou que haxa “verdade, xustiza e reparación tamén para as persoas LGTBI represaliadas”, coa sua realidade nas leis autonómicas de memoria histórica “que están a aprobar unha futura Lei de Vítimas estatal que garanta as indemnizacións a todas as persoas perseguidas pola ditadura e as súas familias”-
Ademais, En Marea quere coñecer como conmemora o Goberno de España este 26 de decembro como data para recordar a despenalización da homosexualidade e reivindicar a igualdade de dereitos das persoas LGTBI e se se incluirán nos próximos Orzamentos Xerais do Estado unha partida destinada a desenrolar a Lei de Memoria Histórica e reactivar as indemnizacións económicas para as persoas represaliadas durante a dictadura franquista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.