Temas: AUDASA AP-9

Canto gaña Audasa, a concesionaria da AP-9 que seguirá aumentando as peaxes ata 2048?

O goberno do popular José María Aznar aprobou a última ampliación dunha peaxe que tiña caducidade en 2012. De cada cen euros que a compañía ingresa por peaxes, uns 64 euros son ganancias, mentres que despediu nunha década a un cento de traballadres.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/01/2018 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Audasa, a concesionaria da AP-9, a gran autopista de Galicia e a principal infraestrutura viaria do país, acaba de anunciar novas subas das peaxes logo de aclarar que suprimirá a de Vigo-Redondela,  un tramo de tan só tres quilómetros polo que cobra 0,30 céntimos de euro. Pero como é posible que unha das autopistas máis rendables do Estado siga aumentando a as súas tarifas?.

Audasa, autoestrada AP-9 Ferrol-fronteira portuguesa
Audasa, autoestrada AP-9 Ferrol-fronteira portuguesa

De feito, a suba anunciada este martes é a cuarta que realizará no 2018. Así, os viaxeiros terán que pagar case un 4% máis en febreiro de 2018, con respecto ao ano anterior. E iso sen ter en conta o novo aumento pola supresión da peaxe Vigo-Redondela. 

Cruzar a AP-9 de Tui a Ferrol custará case un euro máis caro en 2018. Un euro que se converterán en 22,98, cando se complete o incremento previsto por Audasa nos vindeiros anos. E todo, grazas ás sucesivas ampliacións de concesións a esta empresa propiedade da multinacional Sacyr Vallehermoso

Así, unha peaxe que tiña caducidade en 2012 pasou ao 2048, tras a última ampliación outorgada polo goberno do popular José María Aznar que lle concedeu 25 anos extras. É dicir, que a concesionaria acadou que sucesivos gobernos lle outorgaran ao máximo estipulado por lei, 75 anos, para sacar tallada dunha das autoestradas máis rendables do Estado.

E CANTO SUPÓN TODO ISTO EN NÚMEROS?

Feijóo, Rajoy, Ana Pastor, Gómez de la Serna e Caballero na inauguración da ampliación da Ponte de Rande
Feijóo, Rajoy, Ana Pastor, Gómez de la Serna e Caballero na inauguración da ampliación da Ponte de Rande | Fonte: Miguel Núñez

Foi en 1973, cando o Estado lle concedeu a construción da autoestrada a Autopistas del Atlántico, C.E.S.A., que supuxo un investimento duns 1.428 millóns de euros. Pero ese investimento, está sendo recuperado con creces.  En 1996, cando contaba con 156,3 quilómetros de lonxitude, Audasa ingresou 46.870.000 euros en concepto de peaxes, cunha afluencia media de 13.852 vehículos diarios. No 2004, xa con 219,6 quilómetros, ingresáronse 118.290.000 €, cunha media de 22.565 vehículos diarios, 38,61 % máis ca 8 anos antes.

Uns beneficios que seguiron aumentando. Segundo o informe que Audasa remitiu á Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) en 2016, afirmaba ter uns ingresos de 138,6 millóns, un 3,3% máis que en 2015, dos que 88 millóns foron directamente ao beneficio de explotación.

Así, de cada cen euros que a compañía ingresa por peaxes, uns 64 euros son ganancias, sen contar custos financeiros nin amortizacións. Por iso, sen ter en conta esa proxección de ingresos, os 9.561 millóns entre 2011 e 2048, a compañía gañaría ata o final da concesión uns 6.119 millóns, case cinco veces máis do que custou facer a infraestrutura.

A CRISE NON AFECTOU AOS ALTOS DIRECTIVOS

Durante os últimos anos, sobre todo en anos de crise, a concesionaria mantivo o salario do seu director xeral, que ascende a 172.000 euros brutos anuais, mentres que acometía numerosos recortes na súa plantilla. E manter os postos de emprego foi, curiosamente, un dos argumentos que utilizou para continuar coa concesión.

Así, o persoal de Audasa minguou en case un cento de persoas na última década. En 2016 quedou en 215 empregados fronte a os 220 que tiña un ano antes. Con todo, o salario do seu director xeral foi ascendendo. Era en 2013 de 87.000 euros brutos e tres anos despois era máis do dobre, 172.000 euros.

Temas: AUDASA AP-9
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta