O apoio de Pachi Vázquez ao candidato de Gonzalo Caballero abre un nova disputa no PSdeG

O alcalde de Amoeiro, que está na nova executiva socialista, impúxose co 64% dos votos. Noela Blanco, a derrotada, cre que "hai quen segue manexando os fíos do que ocorre no PSdeG".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 31/12/2017 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

"En Ourense hai quen segue manexando os fíos do que ocorre no PSdeG". Esta contundente declaración de Noela Blanco, candidata derrotada ás primarias en Ourense, amosa que este partido está roto nesta provincia. Unha clara alusión ao ex secretario xeral do partido, Pachi Vázquez, que caeu na primeira volta, pero cuxos votos se transvasaron ao alcalde de Amoeiro.

Así o apuntan os resultados no Carballiño, feudo do que foi líder socialista. Na primeira volta votou maioritariamente por Pachi Vázquez (108 votos, fronte ao seis de Rodríguez Villarino e os 19 de Noela Blanco). Nesta ocasión decantouse polo rexedor de Amoeiro (93 fronte a 30 respaldos).

Unha situación que pon nun compromiso a Gonzalo Caballero, quen durante a campaña das primarias chegou a dicir que no seu PSdeG non cabían as baronías provincias, tras a decisión de Pachi Vázquez de volver presentarse. Con todo, a derrota deste candidato nas primarias, provocou que chegara a un pacto co candidato "caballerista" como denuncian os seus críticos.

Precisamente, Caballero gañou as primarias do seu partido asegurando que era "sangue novo" do partido e que o seu proxecto era renovador. Pero, o apoio de Pachi Vázquez supón todo o contrario ao que pregonaba.

De feito, o propio candidato gañador, Rafael Rodríguez Villarino, o alcalde de Amoeiro, foi un dos principais impulsores da campaña de apoio á candidatura de Susana Díaz en Galicia. Unha candidata que, como ten dito en numerosas ocasións, non apoiou Gonzalo Caballero, que, a pesar diso, acabou elixindo a Villarino para a súa executiva.

QUE ASIMILE A DERROTA

Ante as declaracións da deputada autonómica, Rodríguez Villarino cominou a súa adversaria a que "empece a asimilar a derrota" e defendeu que os votos que en primeira volta foron para Pachi Vázquez repartíronse entre ambas as candidaturas, aínda que el recibiu case 100 e a súa contrincante, 30.

Ademais, mostrouse crítico coas declaracións de Blanco e censurou que "cando a xente non se integra sempre se sospeita e fálase mal dos que o fan. Pero esas cousas supéranse". O novo secretario do PSOE ourensán mostrouse confiado en que a partir de agora "todos formen un mesmo partido", unido no obxectivo de "sacar á provincia da situación sen saída na que se atopa".

Pachi Vázquez
Pachi Vázquez

O alcalde de Amoeiro impónse nas primarias do PSOE de Ourense
O alcalde de Amoeiro impónse nas primarias do PSOE de Ourense
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta