Xornalismo en vías de extinción?

Por Marcos Pérez Pena | | 30/12/2010

Comparte esta noticia

O xornalismo está en crise. A partir desta preocupación compartida unha vintena de profesores universitarios, investigadores, profesionais e representantes de colexios e sindicatos reuníronse na Illa de San Simón no I Foro Internacional sobre Comunicación Social na procura de solucións. "Non só para contarnos contos entre nós mentres fóra asola a peste, nin para ensinar as nosas miserias, senón para facer máis efectiva a reflexión. Coa humildade e a paixón coa que unha redacción discute a portada dun medio", en palabras de Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia. Unha das conclusións do Foro foi a necesidade de revalorizar a figura do xornalista, nun momento no que se está vivindo un sobredimensionamento dos aspectos técnicos e un paralelo esquecemento da dimensión política do xornalismo e da súa función social. Outra das máximas asumidas de xeito unánime é que vivimos nun tempo novo, caracterizado por un incremento sen precedentes dos fluxos de información, comunicación que se realiza en tempo real grazas ás novas posibilidades tecnolóxicas. Nesta sociedade cada vez máis complexa a figura do intermediario é máis necesaria ca nunca, o xornalismo é máis necesario que nunca, como analista e intérprete da realidade, nunha función de servizo público cara á cidadanía.

Erros propios
No Foro, e isto é moi positivo, houbo unha forte autocrítica: "O xornalismo era unha profesión fortemente vinculada a códigos éticos, fomos quen de ser un contrapoder e de fortalecer as democracias. Nada queda de todo iso. Os xornalistas gañámonos a pulso a nosa crise", denunciou Montse Quesada, catedrática da Universitat Pompeu Fabra. Milagros Pérez Oliva, Defensora do Lector en El País, afirmou pola súa banda que "antes os medios querían influír na sociedade. Agora pertencen a grandes conglomerados que buscan ante todo obter beneficios e analizan o produto en base a unha conta de resultados, non en base á influencia pública. Un bo exemplo é o peche de CNN+". De igual xeito, Nacho de la Fuente, community manager de La Voz de Galicia, denunciou en San Simón que "boa parte do xornalismo actual está ferido de arrogancia e servilismo ao poder político e económico" e reclamoulle ante todo que recuperase a "humildade".

Un dos grandes problemas do xornalismo actual é a progresiva perda de autonomía e de capacidade de decisión nas redaccións, nun proceso que se abriu ao concluír o proceso de Transición democrática. Os redactores cada vez teñen menos liberdade para escoller temas e enfoques e aqueles con máis capacidade son relegados a postos secundarios. Non é estraño, por exemplo, que os medios envíen aos redactores máis novos a cubrir as rodas de prensa do Consello da Xunta, mentres que os expertos en información política son destinados a quefaceres de menor relevancia. "Non están despedindo os improdutivos. Están botando aos xornalistas máis veteranos, aqueles que teñen máis fontes exclusivas e que son os que teñen máis interiorizados os valores da profesión", salienta Quesada.

Os xornais cada vez teñen menos calidade, menos profundidade. Así non é estraño que os medios perdan lectores, que os xornalistas perdan credibilidade e que en resposta xurdan iniciativas de xornalismo cidadán que nalgúns casos poñen en dúbida a figura do xornalista profesional. Tampouco é estraño que a xente se negue a pagar por esta información que cada día ten menos calidade. Nos últimos anos os medios de comunicación esqueceron cal era a súa función na sociedade e cal era o produto que vendían e que lles fixera gañar o interese e o respecto dos seus lectores. En cambio, concentráronse en aforrar custes naquilo que constitúe o cerne da súa actividade: a información, e convertéronse en simples distribuidores de fascículos, libros e DVD.

De igual xeito, parece que para ser un xornalista xeneralista, cuxa labor se limita a cortar e pegar notas de prensa ou a recoller declaracións de fonte oficiais, non están xustificados catro anos de carreira. Pero si para ser un xornalista especializado e para ser quen de elaborar informacións de calidade. Segundo Luís Álvarez Pousa, profesor da USC, as facultades de Xornalismo "sucumbiron ao mundo neoliberal no que nos movemos", axeitando os plans de estudo ás supostas esixencias de formación técnica procedentes das empresas. Paradoxalmente, outros profesores, como Josep María Marti, decano do Col.legi de Periodistes de Catalunya, salientan que en realidade as facultades se están atopando con que as empresas se queixan da deficiente formación dos alumnos egresados: "pídennos que lles aprendamos a pensar e que nos centremos menos nos coñecementos técnicos, porque iso xa o aprenden na empresa en catro días".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcos Pérez Pena Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.