Pneumáticos guindados nun camiño forestal

Foron atopados nun camiño forestal de Figueiras, no concello de Coirós, preto dun centro de saúde e dunha escola.

Por Galicia Confidencial | Coirós | 04/01/2018 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

O Grupo Municipal do BNG de Coirós denunciou a existencia dunha vertedura de pneumáticos no lugar de Figueiras. Os nacionalistas reclaman ao Concello que investigue a súa orixe de que tome medidas para evitar novas verteduras no futuro.

Pneumáticos guindados nun camiño forestal en Coirós
Pneumáticos guindados nun camiño forestal en Coirós | Fonte: BNG.

A voceira nacionalista, Pura Ferreño, conta que tivo coñecemento dunha vertedura de pneumáticos nun camiño forestal de Figueiras, moi próximo ao Centro de Saúde e da Escola Infantil Galiña Azul. “A vertedura en si xa é preocupante, pero é que ademais se produce ao lado dun centro de saúde e un colexio infantil”, declarou a voceira nacionalista.

O BNG pregúntase se o goberno local de Coirós ten coñecemento deste feito. “Se non o ten”, afirma a portavoz nacionalista, “era ben que o goberno procedese a denunciar a situación de maneira inmediata”, perante un organismo oficial de coidado e protección do medio ambiente. Desde o BNG anuncian que a organización xa puxo os feitos en coñecemento do Seprona e reclaman ás autoridades municipais de Coirós que investiguen a súa orixe, iniciando, por outro lado, a retirada e limpeza dos pneumáticos da zona.

Os nacionalistas lamentan a vertedura e "a falta de conciencia ambienta da persoa responsábel", mais pregúntanse se o goberno de Coirós tomou algún tipo de medida para evitar este tipo de verteduras nos montes e estradas forestais.

O BNG aproveita para recordar que xa impulsou no pleno unha iniciativa para crear un punto limpo supramunicipal, que permita a concellos como o de Coirós asumir este tipo de servizo, sen esquecer aquilo que para o BNG sería "a solución idónea": a creación dun punto limpo comarcal, capaz de centralizar o servizo de recollida de pneumáticos e outros materiais altamente contaminantes.

“Infelizmente, non nos conta ningunha xestión do goberno de Coirós para habilitar un punto limpo no noso concello, nin parece que o PP estea interesado en crear un estrutura similar na nosa comarca”, lamentou Ferreño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta