"A vía de servizo máis cara do mundo"

En Marea denuncia que os novos carrís de Rande son vías “auxiliares” que non ofrecen prestacións dunha autoestrada, motivo dabondo “para non aplicar” a suba das peaxes. Acusa ao PP de estar “sempre ao lado de Audasa” e preguntará no Parlamento polo protocolo de emerxencias.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/01/2018 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea Marcos Cal rexeitou considerar a obra en Rande como unha ampliación da autoestrada, feito no que ve "motivo máis que suficiente para non aplicar" a suba das peaxes prevista pola concesionaria. De feito, ironizou con que os novos carrís da ponte son "a vía de servizo máis cara do mundo".

A Ponte de Rande após a ampliación.
A Ponte de Rande após a ampliación.

Cal criticou ademais que o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, e o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudisen o pasado día 30 “a inaugurar a suba das peaxes", xa que a actuación “está sen terminar” e aínda hai operarios que “seguen aí, pois faltan moitos elementos”. Neste punto, preguntou "por que" e "a cambio de que" os dous mandatarios participaron no que considera un "simulacro", e respondeuse a si mesmo afirmando que este acto buscou "permitir" o incremento das peaxes, algo ao seu xuízo "moi grave" e que facilita "vantaxes" á concesionaria fronte á cidadanía.

Nun escenario no que entende que o PP está "sempre ao lado de Audasa", Cal apuntou que o seu grupo tentará que o Executivo galego responda no Parlamento sobre o protocolo de emerxencia e outras cuestións de seguridade relacionadas con Rande.
E é que, segundo comentou, usuarios e representantes públicos da comarca do Morrazo "denuncian a inseguridade" duns carrís que para este parlamentario son "auxiliares" ou "adicionais", pero "non ofrecen as prestacións" agardadas para unha autoestrada.

SEN MARXE PARA MANOBRAR

"Falan de rateira e trampa no caso de que haxa un contratempo", subliñou, sobre unha vía "moi estreita" e "sen marxe para manobrar". Así mesmo, asegurou que "non liquida os problemas de embotellamento e saturación de tráfico", que advertiu "van seguir existindo". Por todo iso, Cal, que lembrou que esta actuación "a van pagar todos os galegos", reiterou que as características que ofrece serven, en opinión de En Marea, para "rexeitar" o aumento das peaxes.

A maiores, cuestionado pola proposta do BNG de crear unha comisión de investigación sobre os convenios con Audasa, Marcos Cal apuntou que o seu grupo o "estudará", xa que están “ao lado da xente, non do de Audasa” e amosouse aberto “a explorar calquera vía para evitar a suba das peaxes e que a estafa siga adiante”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moañento

Concordo en que os novos carrís son unha vía de servizo. A trampa para chamarlle autopista está en considerar estes novos carrís como o 3º en cada sentido, pero tal consideración queda en evidencia en canto vas por eles: son estreitos e separados, non podes cambiarte a outro carril, polo que efectivamente non poden ser considerados máis que simples vías de servizo. A estafa está xa consumada, pero o problema de saturación segue sen estar resolto, xa veredes no verán cómo estes carrís non só non evitan a saturación, senón que van traer novos problemas pola imposibilidade de manobrar neles.