A propaganda de Medio Rural mentres pechan 424 granxas

“Unha vez máis, somos os últimos no prezo do leite e os primeiros no número de peches”, censura a Federación Rural Galega, que esixe á Xunta que “deixe de poñerse medallas mentres a Galicia rural se desangra”. Entre 2013 e 2016, o país perdeu 33.000 hectáreas de superficie agraria útil.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/01/2018 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

A Federación Rural Galega (Fruga) censura que a Consellería do Medio Rural fai "mera propaganda" ao dicir que en Galicia houbo unha importante suba do prezo do leite o pasado ano, xa que durante o 2017 foi “o máis baixo” de todo o Estado.

Unha granxa de vacas.
Unha granxa de vacas. | Fonte: Europa Press.

Ademais, engadiu que as granxas galegas "seguen sendo as que menos cobran do Estado español", xa que a media estatal estivo en 0,334 euros no mes de novembro e en Galicia foi de 0,32 euros, o que non se pode xustificar, dixo, "na escusa das calidades en graxa e proteína, xa que Galicia está ao mesmo nivel que a media".

Segundo denuncia a Fruga, estas circunstancias supuxeron que o abandono de explotacións lácteas en Galicia fose "moi superior ao resto do Estado", co peche en 2017 de 424 granxas galegas de leite, que representa o 57% do total español. "Unha vez máis, somos os últimos no prezo do leite e os primeiros no número de peches", lamentou.

A iso engade a Federación Rural Galega que de 2013 a 2016 Galicia perdeu 33.000 hectáreas de superficie agraria útil, en favor principalmente de plantacións forestais, "concretamente de eucaliptos". Un marco no que acusou á Xunta de "favorecer os intereses de empresas como Ence" fronte aos gandeiros, que precisan de "base territorial para abaratar custos de produción e favorecer a produción en base a terra".

Por todo isto, Fruga esixe a Medio Rural que "deixe de investir en propaganda", que deixe de poñerse "medallas mentres a Galicia rural se desangra" e que pare "a reforestación de terras agrarias, se realmente quere favorecer a produción de leite a baixos custos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta