Búscanse novos científicos para o Campus Terra

O Campus Terra da Universidade de Santiago bota a andar unha nova edición de ‘Ciencia para novos investigadores’.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/01/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Facultade de Ciencias do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) bota a andar este xoves 11 unha nova edición do ciclo ‘Ciencia para novos investigadores’, un programa de estímulo de vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado polo persoal do centro universitario lugués.

Laboratorio do Grao en Nutrición Humana e Dietética da Universidade de Santiago de Compostela
Laboratorio do Grao en Nutrición Humana e Dietética da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Con este programa, uns 450 estudantes de ensino secundario de 11 centros educativos da provincia de Lugo coñecerán a oferta formativa da Facultade e poderán desenvolver sesións prácticas nos seus laboratorios. 

O programa de visitas desenvolverase de xeito continuado as mañás do 11 ao 24 de xaneiro. A elevada demanda de centros educativos para participar neste programa propiciou que a Facultade de Ciencias abrise unha nova quenda de visitas de escolares do 21 ao 24 de maio. 

As distintas sesións presentan unha estrutura semellante: logo dun breve acto de benvida, que estará guiado polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, e no que tamén intervirán os coordinadores das titulacións de grao impartidas na facultade (Enxeñería de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética), distintos profesores e persoal do centro conducirán sesións prácticas nos laboratorios, onde os estudantes preuniversitarios poderán realizar os seus propios experimentos. 

Alumnos de 4º curso de ESO do Colexio Maristas-A Inmaculada de Lugo abrirán este xoves 11, a partir das 10.00 horas, esta nova edición, que nos seguintes días e ata o 24 de xaneiro terá como protagonistas estudantes de ensino secundario do IES Basanta Silva de Vilalba, IES A Pinguela de Monforte, CPI Ramón Piñeiro de Láncara, IES Sanxillao, IES Lucus Augusti, Colexio Divino Maestro e IES Ollos Grandes. Xa en maio participará alumnado de último curso da ESO do IES Ánxel Fole, Colexio Padres Franciscanos e Colexio San José, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta