A innovadora metodoloxía da USC para a aceleración de empresas universitarias

O Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) remata tras dous anos de traballo para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración e consolidación de empresas innovadoras.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 10/01/2018 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolve esta semana a súa derradeira sesión, coa que se pon o broche final a dous anos de traballo para fortalecer as capacidades das universidades na aceleración e consolidación de empresas innovadoras.

Xuntanza do comité directivo do Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a USC.
Xuntanza do comité directivo do Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a USC.

SOLA xurdiu hai dous anos da necesidade de mellorar os coñecementos do persoal técnico das universidades en aspectos críticos para o crecemento e consolidación de empresas innovadoras. Así, as oito universidades participantes –referentes todas elas en transferencia, innovación e emprendemento-, xunto con RedEmprendia e Erasmus + puxeron en marcha este proxecto no que máis dun cento de emprendedores, técnicos universitarios e expertos en innovación obtiveron resultados moi positivos e que serán de grande axuda para o futuro máis inmediato.

A xuntanza do comité directivo final comezou este mércores no Edificio Emprendia nun acto no que participaron o reitor Juan Viaño; o alcalde da cidade, Martiño Noriega; as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Innovación da USC, Almudena Hospido e Isabel Rodríguez-Moldes, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois.

“As universidades, en xeral, fixemos notables esforzos para promocionar o espírito emprendedor entre a nosa comunidade e solventar as necesidades que aparecen nas etapas temperás do desenvolvemento das súas iniciativas empresariais”, dixo o reitor.

“Agora, grazas a proxectos como SOLA poderemos tamén catalizar a posta en marcha dunha innovadora metodoloxía de aceleración de empresas universitarias, incrementando as súas posibilidades de éxito e favorecendo a creación de riqueza e benestar social na nosa contorna”, engadiu.

Xuntanza do comité directivo do Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a USC.
Xuntanza do comité directivo do Proxecto SOLA (Spin-Off Lean Acceleration) que lidera a USC.

Efectivamente, no acto de apertura o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, Manel Cotos, puxo énfase nas ferramentas innovadoras que resultan de SOLA e que se cinguen a catro ámbitos fundamentais como son a propiedade industrial e intelectual, o modelo Lean Canvas, as finanzas para emprendedores e a internacionalización.

En cada un destes catro módulos deseñáronse ferramentas propias entre as que destacan dúas. Por unha banda, unha plataforma en liña de internacionalización que facilitará aos emprendedores o cumprimento de obxectivos e que permite ao persoal técnico das universidades monitorizar e acompañar o proceso en cada fase, e, por outra, un novo modelo de aceleración específico para spin-offs e startups universitarias baseado na metodoloxía Lean Startup.

No mesmo acto de apertura da xuntanza, todas as autoridades destacaron a “utilidade” de SOLA. “Dende a USC cremos firmemente neste e en todos os proxectos deste tipo”, dixo Almudena Hospido no seu discurso, que foi reforzado pola vicerreitora de Investigación, para quen “practicamente todos os resultados de investigación poden ser transferidos e por iso SOLA faise necesario como un modelo máis para acadar os nosos obxectivos como universidade”.

Pola súa banda, o alcalde Martiño Noriega falou da USC como “a catedral do coñecemento, e por tanto é unha honra participar nos proxectos que impulsa”, e en concreto este -apostillou a concelleira Marta Lois- “será moi útil para a cidade de Compostela”.

Durante estes tres días persoal técnico de incubadoras e centros universitarios de apoio ao emprendemento, así como emprendedores vinculados ás universidades, participan en diversos obradoiros nos que profundarán es aspectos como a metodoloxía Lean Canvas, a redefinición estratéxica de startups, a propiedade industrial e certificación de calidade e a internacionalización de empresas. Ao remate da formación, todos estes contidos, ferramentas e recursos estarán dispoñibles para calquera persoa interesada na web de SOLA.

SOLA está co financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea e xunto coa USC forman parte do consorcio as Universidades Autónoma de Madrid, do Porto (Portugal), della Calabria (Italia), de Antioquia e a EAFIT (Colombia) e as brasileiras de São Paulo e Estadual de Campinas. Interveñen tamén a consultora europea Devalar, a rede universitaria RedEmprendiae e a Fundação de Desenvolvimento da Unicamp (FUNCAMP).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta