"Queren deixar Vigo sen auga"

Vigo denuncia por "incomprensible" a decisión da Xunta de tramitar pola vía ordinaria o transvasamento do río Verdugo, mentres Ponte Caldelas e Soutomaior manteñen o rexeitamento ao proxecto. "Están atentando contra 450.000 cidadáns e responsabilizo a Feijóo do que poida suceder", avisa Abel Caballero.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 12/01/2018 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

O Goberno municipal de Vigo amosa o seu rexeitamento pola decisión da Xunta de tramitar pola vía ordinaria a obra do transvasamento do río Verdugo para garantir máis subministración de auga ao sistema que abastece a área viguesa. Por contra, os rexedores de Soutomaior, Agustín Reguera (PP), e Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), celebraron que dita actuación non se tramite pola vía de emerxencia, como estaba previsto, aínda que matizaron que manteñen o seu rexeitamento á obra.

Reunión en Compostela para o transvasamento do río Verdugo.
Reunión en Compostela para o transvasamento do río Verdugo. | Fonte: EP

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, estalou este venres contra a Xunta de Galicia, tras coñecer a decisión da Administración galega: "Queren deixar Vigo sen auga", denunciou e tachou de "incomprensible" o anuncio de Augas de Galicia, exposto aos representantes dos concellos de Vigo, Soutomaior e Ponte Caldelas nunha reunión celebrada en Santiago. "Nada nos garante que non vaiamos ter unha primavera, un verán e un outono secos", apuntou Caballero, quen asegurou que ese tipo de tramitación atrasará a actuación de forma "inconmensurable".

"Están a atentar contra 450.000 cidadáns e contra o seu dereito a ter auga (...) e responsabilizo a Feijóo de todo aquilo que poida suceder", advertiu o alcalde, quen lembrou que xa había un acordo con Augas de Galicia para facer esa condución pola vía de emerxencia, "contemplada na lei e xuridicamente impecable".

De feito, fai máis dunha semana que o Goberno municipal vigués remitiu ao organismo autonómico o convenio asinado para a execución desa obra, cuxo custo financia o Concello nun 80%. "Nin sequera pagando Vigo quéreno facer, algo moi grave está a pasar. Empezo a pensar que queren deixar á cidade sen auga", afirmou.

PONTE CALDELAS E SOUTOMAIOR

Ante esta decisión, os únicos que mostraron algo de satisfacción foron os alcaldes de Soutomaior e Ponte Caldelas que celebraron que esta obra non se tramite por vía urxente, aínda que matizaron que manteñen a súa oposición ao transvasamento e que recorrerán os actos administrativos que fagan avanzar ese expediente.

O rexedor caldelán expresou a súa sensación de que esta obra non se vai a executar e que, en todo caso, tras decaer a vía de emerxencia, haberá que volver "ao punto de partida", xa que o convenio que asinou o alcalde de Vigo fundamentábase nunha obra que ía ser declarada de emerxencia. Así mesmo, Andrés Díaz, a quen Caballero xa lle pediu que dimita como secretario de organización do PSOE na provincia por oporse ao transvasamento, advertiu de que, coa decisión adoptada por Augas de Galicia, a obra xa non ten un calendario concreto, e resulta imprescindible un consenso "que non se vai dar".

AUGAS DE GALICIA

Pola súa banda, Augas de Galicia xustificou esta decisión porque "non se dan os requisitos legais" para tramitar esa obra pola vía de urxencia, posto que os sistemas de abastecemento 1 e 2 "xa non están en situación de alerta". No entanto, o director do ente, Roberto Rodríguez, aclarou que a Xunta mantén o seu "compromiso" coa devandita actuación e "continuará a tramitación necesaria para asinar o convenio de colaboración que permita a execución".

Este tipo de tramitación, puntualizou, "será unha oportunidade para facilitar a participación de todos os interesados e levar adiante co maior dos consensos esta obra, deixando de lado o conflito político e social". Así, instou os concellos implicados a chegar a un acordo nesta materia, á vez que convidou aos rexedores de Soutomaior e Ponte Caldelas a "flexibilizar" a súa posición contraria ao transvasamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anti spamña

A auga é un recurso limitado e esencial para a conservación da biodiversidade, dos ecosistemas naturais, das paisaxes e do equilibrio ecolóxico. Compre rematar co seu desbaldimento e xestionala como o que é: un ben escaso sen o que non poden vivir nen os seres humanos nen a natureza. No actual marco de cambio climático, as medidas urxentes de loita contra a seca poden solucionar puntualmente a emerxencia, mais non o problema de fondo. Debemos actuar con visión de futuro por unha Nova Cultura da Auga, algo que no noso país aínda non ten calado na cidadanía nen por suposto na clase política.