Temas: RC CELTA

O Celta esquece a malleira na Copa e toma o pulso á Liga

Os de Vigo gañan apuradamente ao Levante 0-1 e sitúanse no medio táboa. Trala humillante eliminación na Copa do Rei xa non teñen escusas para loitar na segunda volta da Liga por postos europeos.

Por Galicia Confidencial | Valencia | 14/01/2018 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O humillante 5-0 da Copa do Rei ante o Barcelona no Camp Nou non pasou factura a un Celta que encarrilla unha boa xeira de resultados na Liga. Os vigueses acadaron este domingo unha valiosa vitoria ante o Levante no feudo valencianista (0-1) que dá folgos a un equipo que agora debe centrar todos os seus esforzos no que resta de Liga, toda a segunda volta, por chegar aos postos que dan acceso a competición europea.

Un gol de Sisto deu a vitoria a domicilio ao Celta ante o Levante no campionato de Liga 2017-2018
Un gol de Sisto deu a vitoria a domicilio ao Celta ante o Levante no campionato de Liga 2017-2018 | Fonte: La Liga.

Un gol de Sisto —seguramente con Aspas e Wass, o mellor dos celestes esta tempada—, tras unha magnífica xogada con Iago Aspas, deulle ao Celta os tres puntos no último partido da primeira volta ante o Levante.

Os celestes dominaron con claridade o Levante na primeira metade e sufriron na segunda, pero lograron manter a súa vantaxe e levarse un valioso triunfo que reforza a moral dos de Vigo trala dura derrota ante o Barcelona en Copa, partido no que os celestes deixaron unha imaxe moi pobre.

O Celta aplicou no Ciutat de Valencia unha riada de paciencia ante un rival que esperaba no seu campo coas liñas moi xuntas e sen desorde. Longas posesións en busca dun espazo que non apareceu ata o tramo final. O equipo vigués sacou o coiro dese atrás cun Levante, agora si, desordenado tras un ataque errado e Iago Aspas e Sisto combinaron con maestría. O danés superou a Oier cun axustado lanzamento cruzado e puxo en vantaxe aos celestes, moi superiores na primeira metade.

Na segunda metade os de Vigo sufriron para defender a súa vantaxe ante un rival moi intenso e decidido que dispuxo de varias ocasións para empatar o choque. As boas accións do porteiro Rubén e a súa propia impericia impediron que o Levante alcanzase o seu obxectivo. Valiosa vitoria para o Celta para pechar a primeira volta.

Os celestes sitúanse na metade na táboa tra a primeira voltal, con 25 puntos (un pobre resultado para as expectativas xeradas polo equipo a principios de tempada). Unha situación que non agrada aos afeccionados, que agardaban máis dun equipo que nos últimos anos se mostrou moi forte en sólido xogando á vez tres competicións —Liga, Copa do Rei e Europa League—, pero que este ano mostra moita irregularidade. Agora ten toda unha segunda volta para centrarse exclusivamente na Liga e chegar aos postos que dan acceso a Europa, obxectivo que se elle esixe a un equipo creado para tal fin.

FICHA

0-Levante UD: Oier, Luna, Rober, Postigo, Coke, Doukouré (Bardhi, min.84), Lerma, Campaña (jason, min.46), Morales, Ivi (Mesa, min.79) e Boateng.

1-RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Lobotka, Wass (Radoja, min.72), Tucu Hernández, Sisto (Brais, min.80),  Iago Aspas e Maxi Gómez (Sergi Gómez, min.87).

Goles: 0-1, min.37: Sisto

Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Amonestou a  Morales, Ivi, Doukuré,  Coke, Tucu Hernández, Rubén

Campo: Ciutat de Valencia

Temas: RC CELTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pitermarys

Os celestes sitúanse na metade na táboa tra a primeira voltal, con 25 puntos (un pobre resultado para as expectativas xeradas polo equipo a principios de tempada). Unha situación que non agrada aos afeccionados, que agardaban máis dun equipo que nos últimos anos se mostrou moi forte en sólido xogando á vez tres competicións —LA LIGA, Copa do Rei e Europa League—, pero que este ano mostra moita irregularidade. Agora ten toda unha segunda volta para centrarse exclusivamente na Liga e chegar aos postos que dan acceso a Europa, obxectivo que se elle esixe a un equipo creado para tal fin.