Unha nova oportunidade para namorar en prosa ou en verso galego

A Xunta convoca unha nova edición de 'Lingua de namorar', o certame de declaracións de amor en lingua galega en Internet.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/01/2018 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta convocan unha nova edición do certame de declaracións de amor na rede 'Lingua de namorar', unha iniciativa que premiará por sexto ano a creatividade en lingua galega da xente nova.

A Xunta entrega os premios do certame Lingua de Namorar.
A Xunta entrega os premios do certame Lingua de Namorar.

Nesta ocasión, e coincidindo coa estadía do Pergamiño Vindel en Galicia, os premios entregaranse no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o 14 de febreiro, día dos namorados.

“O galego é, de sempre, lingua de namorar e queremos animar a mocidade para que así o siga sendo, para que sexa ferramenta útil dos seus afectos e das súas relacións interpersoais; para que siga tendo presenza na internet e nas tecnoloxías da comunicación”, destacou o secretario xeral Valentín García, na presentación desta nova edición.

Pola súa banda, a directora xeral Cecilia Vázquez valorou o feito de que 'Lingua de namorar' sexa hoxe en día un certame plenamente consolidado e en cada edición que se celebra con maior aceptación por parte dos mozos e mozas. Neste sentido, apuntou que “o evento está a cumprir un dos seus obxectivos fundamentais, que non é outro que fomentar o uso do galego entre a xente nova e en calquera ámbito: o académico, o laboral, o social, o persoal e o familiar”.

Así mesmo, Cecilia Vázquez fixo fincapé “na oportunidade que supón este certame para impulsar e poñer en valor a creatividade e o talento da mocidade, que a través dos seus textos expresan libremente os seus pensamentos, inquedanzas e sentimentos”.

PRAZO ATÉ O 29 DE XANEIRO

A participación nesta nova edición está aberta desde hoxe ata o vindeiro 29 de xaneiro a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que poderán concorrer coas súas mensaxes orixinais en dúas categorías de idade: dos 14 aos 19 e dos 20 aos 35.

Os textos participantes deberán estar escritos en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos.

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse no sitio web http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e cubrir o formulario de inscrición.

Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 29 de xaneiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro.

RESOLUCIÓN E PREMIOS

O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes e mais a listaxe cos nomes das persoas gañadoras publicaranse na páxina web do concurso e tamén no Portal da Lingua Galega o día 7 de febreiro. Ademais dos premios que se sinalan a continuación, nos seis casos incluirase cadansúa reprodución facsímile do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo.

Así, establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cun Hoveboard Nilox (rodas 6,5, batería 20 km., velocidade máxima 10 km/h); a do segundo unha cámara Fuji instantánea mini 9 (fotos 62 x 46 mm.) e a do terceiro un auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía).

Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro premio recibirá un Smart TV Panasonic 32” (Full HD, TDT2, navegador web, 2 x HDMI); o segundo un Smartphone Wiko 5” (16 GB, 4G, IPS HD, Android 7, 5/13 Mpx); e o terceiro unha cámara deportiva Mini Wifi 2”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta