Temas: LOBO FAUNA

Buscan o autor da morte a tiros dun lobo en zona protexida

O animal foi atopado en zona 3 do Plan de Xestión do Lobo de Galicia, onde están prohibidas as batidas. Os Axentes Forestais e Medioambientais piden colaboración cidadá para atopar o responsable ou responsables da morte deste exemplar novo.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 16/01/2018 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

Un exemplar de lobo apareceu morto no monte no termo municipal de Portas con claros signos de ter sido abatido a tiros. A conta de Facebook Doc Portas publicou a imaxe, tomada por un veciño, do corpo do animal, atopado "no monte entre Valiñas e Romai con claros signos de ter sido unha morte violenta, con feridas profundas nos cuartos traseiros e no pescozo".

Lobo ibérico novo morto por disparos
Lobo ibérico novo morto por disparos | Fonte: Doc Portas @dendeoconfesionario

Os concellos de Portas e Barro, recordan, "están situados en zona 3 do Plan de Xestión do Lobo de Galicia", polo que "nunca se podería autorizar unha batida".

"De confirmarse que é un lobo e que morreu por arma de fogo, estariamos ante a morte dun animal protexido a mans de vingadores sen lei", denunciaron.

Pouco despois, Aprafoga (Asociación profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia) confirmaba que o exemplar atopado é un macho novo de lobo ibérico, morto por disparos, cuxo cadáver foi trasladado polos axentes ambientais ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotorredondo para facerlle a necropsia.

Os axentes están agora investigando a morte e piden axuda a quen poida ofrecer algún dato ou información sobre este caso.

Temas: LOBO FAUNA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta