Temas: LOBO CAZA FAUNA

Sospeitan de participantes do campionato de caza de raposo como autores da morte dun lobo en zona protexida

ADEGA, ASCEL e GEAS piden que se investigue a morte a tiros dun lobo ibérico atopado no municipio de Barro, en zona 3 do Plan de Xestión do Lobo de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/01/2018 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

A aparición este martes, dun exemplar xuvenil de lobo ibérico morto por disparos no lugar de Valiña, no municipio de Barro, espertou a indignación dos ecoloxistas. ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), ASCEL (Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico) e GEAS (Grupo de Estudio dos Animáis Salvaxes) emitiron un comunicado conxunto no que solicitan que se investige este feito.

Lobo ibérico novo morto por disparos
Lobo ibérico novo morto por disparos | Fonte: Doc Portas @dendeoconfesionario

O animal levaba tres días morto cando foi atopado por un veciño, que denunciou o feito. Os ecoloxistas apuntan ao polémico campionato de Pontevedra de caza de raposo (proba clasificatoria para o galego), xa que a morte do lobo atopado coincidiu coa celebración deste certame e "cabe determinar se existe unha relación circunstancial", argúen ADEGA, ASCEL e GEAS.

ADEGA, ASCEL e GEAS censuran que estes campionatos "non contan coa vixilancia necesaria" (neste caso participaron 330 cazadores) e "resulta habitual ter que lamentar similares sucesos ilegais que quedan impunes".

Estes campionatos, din, "non só carecen de total reprobación ética e moral, senón que non teñen xustificación científica, e fanse á marxe da planificación cinexética dos tecores". Ademais, engaden, "non axudan a recuperar as poboacións de perdices ou coellos, afectadas por múltiples factores, entre outros, por malas prácticas cinexéticas, sobrecaza, repoboacións cinexéticas con animais de granxa, así coma por outras, coma os cambios no hábitat e/ou os monocultivos forestais". 

"Cualificamos o suceso coma moi grave e que amosa o desprezo dalgunhas persoas  polo patrimonio natural e o respecto ás leis", denuncian os ecoloxistas, xa que, ademais, o animal foi abatido en zona 3 do Plan de Xestión do Lobo de Galicia, onde non se podería autorizar unha batida. 

Por todo isto, requiren que se investigue qué cuadrilla cazou no lugar onde o lobo foi atopado morto para que se depuren as responsabilidades pertinentes. "Lembramos que a caza do lobo nesta zona está totalmente prohibida ao abeiro do Plan de Xestión lobo agás autorizacións moi excepcionais", insisten.

Tamén instan á Administración pública a que actúe firmemente e de oficio ante os actos de furtivismo, "por desgraza habituais en Galicia" e que se persigan por vía penal con sentenzas exemplares.  

Por últimos, esixen que se establezan as medidas necesarias para controlar con garantías estes campionatos, o próximo, o galego que se celebrará a vindeira fin de semana en Dozón, e que se cancele de non ser así. "Un evento que rexeitamos categoricamente por resultar unha competición na que se premia a habilidade de matar o maior número de raposos no menor tempo posible", critican. 

Temas: LOBO CAZA FAUNA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

¿ Campeonato de caza do raposo ? ¡ E hai xente que lle gusten estas salvaxadas ? Son restos da edade media, ou das cavernas. ¿ Qué gracia ten matar un animal cunha escopeta ?