Galaxia inicia o 'Ano María Victoria Moreno' por todo o alto

Adaptacións teatrais, unha biografía, texto pouco coñecidos e recuperados, e a reedición das súas principais obras centran a actividade da editorial para celebrar o Día das Letras Galegas 2018, dedicado á autora estremeña e galega de adopción.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

A Editorial Galaxia comeza o 'Ano María Victoria Moreno' por todo o alto lanzando tres producións teatrais para todos os públicos, para rendir tributo e espallar a obra e figura da homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.

María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras de 2018
María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras de 2018

Dende o clásico infantil Leonardo e os fontaneiros, nunha adaptación a cargo de Ubú Teatro, que xa percorreran o pasado ano boa parte das localidade galegas coa súa versión de A galiña azul de Carlos Casares; ata a reformulación escénica de Limiar Teatro arredor de Anagnórise, obra máis coñecida da autora e que leva vendidos miles de exemplares no noso país, Galaxia contribuirá a difundir a produción de María Victoria Moreno.

Tamén da man de Limiar Teatro levarase á escena a vida da escritora estremeña que un día decidiu falar e escribir en galego. Así, Galaxia publicará a finais deste mes de xaneiro A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida, unha biografía da profesora e crítica Montse Pena Presas.

Outra novidade editorial, en colaboración co Consorcio de Santiago, será a publicación de É a lúa que baila... un estudo de María Victoria Moreno sobre os poemas galegos de Federico García Lorca, quen coma ela escolleu a nosa lingua como canle creativa nun momento determinado. A recuperación deste estudo irá compañada dun limiar do profesor, académico e expresidente da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero.

A toda esta actividade para o 2018 haille que sumar tamén as campañas para os centros educativos de toda Galicia e a reedición de todas as obras da que fora codirectora e fundadora da colección infantil Árbore no catálogo de Galaxia, unha recuperación que se iniciou xa no 2017 con títulos como A festa no faiado (1983), Leonardo e os fontaneiros (1986), Anagnórise (1988), ¿E haberá tirón de orellas? (1997), Guedellas de seda e liño (1999) e Onde o aire non era brisa, publicada orixinalmente en castelán en 1969 e traducida ao galego no 2009. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta