Temas: ACTRIZ ACTOR ACOSO

Actrices galegas descoñecen grandes casos de acoso pero din que "abuso de poder sempre existe"

Advirten de que a precariedade "dificulta" dar un paso á fronte, pero o sector actuará "con contundencia" se hai situacións deste tipo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2018 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Aínda que non lles consta ningún caso de acoso sexual "da magnitude" do protagonizado polo produtor Harvey Weinstein, as actrices galegas avisan: "o abuso de poder sempre existe".

Actrices espidas para unha imaxe promocional de Le bal des actrices
Actrices espidas para unha imaxe promocional de Le bal des actrices

En plena efervescencia da campaña #MeToo e o 'Time's Up', que creou un fondo en Hollywood para axudar a mulleres de calquera estrato social contra o acoso sexual, varias profesionais de Galicia opinan sobre o movemento feminista e os obxectivos que persegue a día de hoxe.

En conversación con Europa Press, o presidente e a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual e a presidenta e unha vogal da Asociación de Actores e Actrices de Galicia manteñen que na comunidade autónoma non hai ningún caso "tan sanguento" como o de Weinstein posto que "aquí a industria é relativamente pequena". Celebran o significado de toda esta "revolución", e cren que "chegou o momento de romper o silencio". "A impunidade xa non é unha opción", sentencian.

"MÁIS VULNERABLES"

Con todo, avogan por partir da base de que "case todas as mulleres sofren situacións de acoso no seu traballo", en palabras de Tamara Canosa, a vicepresidenta da Academia. En consecuencia, as actrices e demais traballadoras do audiovisual galego "tamén", xa que "ademais a exposición e a vulnerabilidade é maior" neste ámbito, apunta.

Protesta dun grupo de actores polo desmantelamento da cultura
Protesta dun grupo de actores polo desmantelamento da cultura

Sen coñecer ningún caso particular, Canosa apela a que a precariedade laboral do sector en Galicia "dificulta" dar un paso á fronte para denunciar situacións como as que estes días enchen as páxinas dos xornais de todo o mundo. Ademais, constata a complexidade do proceso psicolóxico previo a este momento. Ante isto, o presidente da Academia, Carlos Ares, móstrase rotundo: se o houbese, "habería que actuar con toda contundencia e apoiar ás vítimas".

Do mesmo xeito, a presidenta da Asociación de Actores e Actrices, Nieves Rodríguez, subliña que o sindicato está "aberto a calquera vía", sempre medindo o que é legalmente posible e escoitando as peticións da vítima, que é "a que ten que decidir sobre a denuncia".

A actriz Laura Míguez, vocal e responsable da comisión de igualdade nesta asociación, considera que o movemento #MeToo --que naceu en 2006 e do que xa fixo o BNG a súa particular réplica en 2016 co hashtag #PrimAcoso-- é "moi necesario tamén aquí". Chama a "aproveitar o escaparate" que supón Hollywood, pola súa repercusión en todo o mundo.

"NON PODE SER UNHA MODA"

Outra cuestión que preocupa ás actrices galegas e tamén aos homes do sector --o presidente da Academia do Audiovisual entende que "este non é un problema só de mulleres"-- é o da fugacidade deste tipo de campañas.

"Espero que non sexa unha moda ou algo pasaxeiro", reflexiona a actriz e presentadora Nieves Rodríguez, que leva á fronte da asociación de actores desde finais de outubro. "O #MeToo ten que dar nun cambio sociolóxico", asevera.

Na mesma liña, a actriz Tamara Canosa asume que "o efecto das campañas é efémero", pero tamén o ve "positivo", polo que pode supor para que haxa un cambio "de discurso".

UN #METOO DE HOMES

O guionista Carlos Ares vai máis lonxe e afirma que isto "é algo que veu para quedar". En canto ao papel dos homes, cre que agora son "máis conscientes" dos seus "privilexios", e aposta por favorecer co seu labor a "concienciar" á sociedade.

Sobre este punto, precisamente, maniféstase Canosa cando bota en falta "o outro lado": "Homes que fixeron cousas que tiñan normalizadas, un certo grao de violencia na súa forma de relacionarse, e que digan 'eu fixen isto", expón.

Pero recalca o "valioso" dun movemento que serve para "desnormalizar algo que está moi normalizado" como o acoso. "Está súper asumido, e cando unha actriz de Hollywood, coa capacidade que ten para crear discurso, desnormaliza isto denunciándoo, cambia o discurso", chama a atención.

"CERO PATATERO" EN IGUALDADE

Aos "outros problemas" que ten o sector fan referencia tanto a presidenta da Asociación de Actores e Actrices, que fala de "violencia de baixa intensidade" e de "cero patatero" en igualdade; como o da Academia Galega do Audiovisual, que denuncia "discriminación" ás mulleres directoras, guionistas, produtoras e actrices, entre outras profesións.

A Asociación de Actrices e Actores, Escena Galega, a Academia Galega do Audiovisual e a Mostra de Teatro de Cangas impulsaron un estudo sobre a brecha laboral entre homes e mulleres no sector audiovisual. Cos datos tirados deste traballo, Laura Míguez espera poder "loitar" contra unha realidade que, entre outros aspectos, materialízase en roles estereotipados.

Para Tamara Canosa, de feito, a batalla é a do imaxinario, e debe centrarse en acabar cas personaxes "cosificadas", mostrando a diversidade, "mulleres de verdade e diversas". En Galicia, afirma, "hai exemplos dos que se pode estar orgulloso, pero tamén se producen programas e 'sketches' con roles moi sexistas". Prefire non dar nomes: "disto participamos todos", di.

O MANIFESTO DE CATHERINE DENEUVE

Tampouco quere esta actriz utilizar balas contra "ningunha muller", pero deixa claro que non comparte os argumentos do manifesto subscrito por Catherine Deneuve, contra o "puritanismo sexual" e por "o dereito a importunar". "A integridade física si que é un dereito", exclama.

A xuízo de Míguez é un escrito "absurdo" tendo en conta o que pretende o feminismo en contra do acoso sexual, mentres que Nieves Rodríguez se "inhibe" ao interpretar que "todo é moi debatible" e Carlos Ares ve que esta "grandísima actriz" francesa está "equivocada", xa que "non se trata de enfrontar mulleres con mulleres".

"A HISTORIA DA ARTE, CHEA DE MALAS PERSOAS"

Non en balde, no que ten que ver con Weinstein e tamén con outros creadores como Woody Allen, Ares evidencia que "a historia da arte está chea de malas persoas moi brillantes". "Debemos ser conscientes (os homes) de que non fixemos o suficiente, e apoiar ás mulleres en todas as súas reivindicacións. A loita pola igualdade real é das máis xustas da humanidade", conclúe.

Temas: ACTRIZ ACTOR ACOSO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mariagomez75

un comunicado necesario desde todas las partes del sector.