Temas: MúSICA GAITAS

A Asociación de Gaiteiros Galegos quere coller máis músculo

Inicia unha campaña para captar máis socios este ano. Tamén se centrará nas celebracións do 25 aniversario da Mostra de Instrumentos Tradicionais de Pardiñas e do décimo aniversario da Tradescola.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/01/2018 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) prepara un intenso programa de actividades para este ano 2018, como a Mostra de Instrumentos Tradicionais de Pardiñas, que nesta edición cumpre 25 anos, ou o décimo aniversario da Tradescola. Un ano no que o principal obxectivo será aumentar o número de socios.

Xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos.
Xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos.

A AGG conta actualmente con preto de 800 asociados distribuídos por todas as comarcas galegas e no exterior e ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades de música tradicional no país. Este ano iniciará unha campaña para captar máis socios.

A celebración do 25 aniversario da Mostra de Instrumentos Tradicionais de Pardiñas é unha das mostras de luthería máis antigas e importantes da Península Ibérica e está considerada como un referente indispensable da música tradicional, sendo un encontro no que se pode ver un amplísimo abano de instrumentos tradicionais como gaitas, requintas, frautas, zanfonas, tambores, bombos, pandeiretas, trompas, violíns...

Por outro lado, ademais da planificación de actividades, a AGG está a afondar no traballo que queda por facer para que a música tradicional ocupe "o sitio que lle corresponde na nosa sociedade".

"Ainda que na actualidade aparentemente a dignificación da nosa música está moi por riba do que cabía pensar, e o número de xente nova que está na música tradicional é dos máis altos de calquera cultura no mundo, queda moito traballo por facer para acadar a normalización absoluta. Sabemos que é necesario que continuemos creando futuro pero non sen coñecermos o pasado", din desde a asociación.

Neste camiño estase a traballar na Tradescola, de xeito que esta fin de semana se analizou polo miudo o seu funcionamento, buscando e creando ideas para continuar abrindo novas propostas educativas neste centro, que cumpre este ano o seu décimo aniversario.

"Na Tradescola seguiremos a traballar para que a nosa música tradicional, que foi pasando de xeración en xeración de xeito oral durante séculos, e que na actualidade está combinada co ensino en centros especializados como o noso, continúe a cadea do traspaso xeracional e ocupe o lugar que lle corresponde a este grande tesouro patrimonial que os galegos temos aínda moi vivo", explica a AGG.

Temas: MúSICA GAITAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Ghaiteira

Fantástico. Só o melloraría que houbese máis mulleres representadas...porque gaiteiras, habelas hainas

1 Jaiteira en potensia

E que o nome da asociación fose máis inclusivo. Gaiteiros e gaiteiras de Galicia. Hai moito traballiño que facer. En fin...