Temas: SAHARAUí

Axuda galega para paliar a emerxencia alimentaria nos campamentos saharauís

O Fondo Galego subvenciona o envío de alimentos ante o esgotamento das reservas de alimentos básicos e produtos micronutrintes da poboación refuxiada en Tinduf.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/01/2018 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinou en 2017 un total de 6.000 euros á provisión de alimentos para a poboación refuxiada saharauí dos campamentos de Tinduf, en Alxeria. A devandita axuda humanitaria facilitóuselle á asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), que á súa vez a canalizou a través das autoridades locais e da Media Lúa Vermella, que realizou a distribución segundo criterios de necesidade e urxencia.

O Fondo Galego axudou ao pobo saharauí ante as súas penurias alimentarias
O Fondo Galego axudou ao pobo saharauí ante as súas penurias alimentarias | Fonte: Fondo Galego

Unha axuda que, aínda que limitada, axudou para paliar o esgotamento das reservas de alimentos básicos, especialmente azucre e arroz. De feito, isto obrigou ao Programa Mundial de Alimentos a reducir nun 20% as racións mensuais destinadas á poboación xa a mediados de ano. Ao tempo que minguaron os alimentos frescos dispoñibles, tamén se acabaron os produtos micronutrintes, dirixidos a loitar contra a malnutrición e a anemia, poñendo en risco a 220.000 mulleres e nenos afectados por estas doenzas. Xerouse así unha grave crise alimentaria, que coincidiu co aumento das temperaturas, de aí o chamamento á comunidade internacional para incrementar as doazóns.

O Fondo Galego, tal e como indica nun comunicado, colaborou en varias ocasións con Sogaps para mellorar as condicións de vida das refuxiadas e refuxiados do Sáhara, principalmente en materia de sanidade e alimentación. A última foi en 2016, cando se cofinanciou con 10.000 euros a reconstrución dun centro sanitario que fora derrubado polas intensas chuvias do ano anterior.

Estas accións súmanse a outras axudas a distintas poboacións refuxiadas, como a palestina ou a siria, con accións de emerxencia e declaracións institucionais nas que reclamaba medidas ás altas instancias políticas para atallar as verdadeiras causas do problema, en cuxo cerne están os intereses xeopolíticos dos países máis poderosos.

Temas: SAHARAUí
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta