Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/01/2018 | Actualizada ás 14:08
Un equipo de científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con outro investigador da Aarhus University (Dinamarca) describiu un novo patrón macroecolóxico, isto é, os elementos comúns que explican a distribución das especies animais polo planeta e que "se poden contar cos dedos das mans”; de aí o interese deste novo traballo, publicado na revista Global Ecology and Biogeography e asinado por un equipo liderado por Andrés Baselga, investigador Ramón y Cajal do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC.
Os investigadores describen neste traballo un novo patrón macroecolóxico, aquel que sinala a tendencia dos rangos de distribución das especies boreais a alongarse en dirección Este-Oeste. Este patrón permite mostrar tamén a “contraposición da distribución das especies tropicais e austrais nas que non se observa unha tendencia sistemática a alongarse en ningún sentido”, explica Baselga.
Onde se atopan as distintas especies? Por que nun lugar e non noutro? Por que a biodiversidade é maior en determinadas rexións? Por que as especies non se distribúen dunha forma uniforme no planeta? Como resposta a estas interrogantes a ciencia sinala a existencia de certos aspectos comúns na distribución das especies de diferentes grupos biolóxicos como que, por exemplo, o maior número de especies se localiza en latitudes próximas ao Ecuador. Esta idea xa adianta “regularidades ou aspectos comúns na distribución das especies que suxiren, á súa vez, a existencia de procesos que afectan de forma similar a todas elas”, clarifica o investigador da USC.
CLIMA
Na identificación do novo patrón, os científicos da USC estudaron o comportamento de máis de 5.000 especies de mamíferos e outras 10.000 de aves. A distribución das especies localizadas nas rexións boreais tería unha forma alongada en dirección Este-Oeste, mentres que no resto das especies non hai tendencia sistemática, “soen ser circulares ou se alongan en calquera sentido”. O feito desta desviación nas rexións do norte “non é trivial” afirma Andrés Baselga, e coincide coas rexións climáticas terrestres, igualmente orientadas en sentido Este-Oeste, o que suxire en opinión do investigador “un claro efecto climático na distribución das especies que habitan a altas latitudes do hemisferio norte”.
A interpretación inversa destes datos é “igualmente relevante”. Mentres que o efecto do clima é evidente na distribución das especies que habitan lugares con condicións climáticas adversas, no resto das especies non parece ter un efecto predominante, apunta o doutor Baselga.
“Ao contrario, o feito de que as distribucións non se desvíen sistematicamente en dirección Este-Oeste suxire que as especies foron capaces de expandir a súa distribución de forma similar en todas as direccións, independentemente das características climáticas de cada zona”.
Neste escenario, “a clave para entender os seus rangos de distribución sería a súa capacidade de dispersión –maior ou menor habilidade de colonizar unha área xeográfica–, máis que o seu nicho ecolóxico –capacidade de vivir nun rango determinado de condicións climáticas–“, aclara o coordinador do novo traballo de investigación.
ZONAS TROPICAIS VS BOREAIS
En conxunto, “os resultados son moi reveladores e teñen obvias implicacións sobre as circunstancias nas que o clima e, polo tanto o cambio climático, pode ser un factor determinante na distribución da biodiversidade”, conclúe Andrés Baselga.
O patrón observado polo equipo da USC “é consistente coa hipótese de que as distribucións das especias nos trópicos están máis suxeitas a factores estocásticos e ás limitacións inherentes á súa propia capacidade de dispersión”.
Pola contra, nas rexións boreais as especies estarían “máis constrinxidas polas limitacións climáticas –nicho ecolóxico-“. Estas especies, unha minoría, posuirían unha “alta capacidade de dispersión que, por un lado, lles permitiu colonizar esas áreas despois de retirarse as glaciacións e, por outro, ampliar o seu rango de distribución ata alcanzar os seus límites fisiolóxicos, delimitados polas bandas climáticas”. Pola contra, engade o doutor Baselga, as especies tropicais estarían máis afectadas polas súas limitacións na dispersión que polas súas limitacións fisiolóxicas (nicho ecolóxico).
Trátase dunha contribución “moi relevante dende o punto de vista teórico ao tratar de identificar que factores determinan a distribución da diversidade biolóxica, pero tamén práctico ao reflexionar sobre como vai responder a diversidade biolóxica ante o futuro cambio climático”, conclúe o docente da USC.
Completan o equipo investigador Adrián Castro Insua e Carola Gómez Rodríguez, por parte da USC e Jens Christian Svenning, da Aarhus University. O artigo leva por título ‘A new macroecological pattern: the latitudinal gradient in species range shape’, informa a USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.