Lara Méndez mostra as súas "ganas" por ser candidata en 2019, a pesar da súa imputación

Logo de superar a moción de confianza, tende "a man" a pactos de goberno pero cre que a moción de censura estará "latente todo o mandato"

Por E.P. | Lugo | 28/01/2018 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, volveu a repetir que a súa intención é ser a candidata do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais de 2019, aínda que indicou que descoñece se a súa condición de investigada pode restarlle opcións no caso de que se manteña a medida que se achegue a data dos comicios.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello | Fonte: Óscar Dacosta

Así o indicou a rexedora luguesa nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega na que mostrou a súa satisfacción despois de superar a moción de confianza ao concluír o prazo sen que a oposición articulase unha alternativa de goberno para a cidade.

Deste xeito, apuntou que os orzamentos --que serán publicados este luns no Boletín Oficial Provincial (BOP) de Lugo-- son "os máis investidores do últimos dez anos", xa que "se aumenta un 40 por cento" o apartado de investimentos, que pasa "de 9 a 15 millóns de euros".

A socialista aproveitou tamén para confesar que mantén "a man tendida" ao resto de formacións para acadar un pacto de goberno que achegue maior estabilidade a un consistorio que conta "cunha corporación moi plural" onde o PSdeG-PSOE só ten "oito de 25 concelleiros".

Con todo, admitiu que a posibilidade dunha moción de censura "vai estar presente durante todo o mandato", á vez que remarcou que a cidade está por encima do seu cargo: "Sempre o tiven claro e seguireino mantendo. Ante o cargo e a cidade, eu escollín Lugo".

INVESTIGADA

Deste xeito, como xa fixo hai uns meses, Lara Méndez volveu a confesar que ten "ganas" de encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE nas próximas eleccións municipais. En 2015, a alcaldesa foi a número dous da lista liderada polo exrexedor, Xosé Clemente López Orozco, que se retirou polas reticencias dos grupos da oposición para facilitar unha investidura.

No entanto, a súa condición de investigada --precisamente xunto con López Orozco-- por un suposto atraso na execución dunha sentenza xudicial podería supor un obstáculo para a súa candidatura. "Cando cheguemos (ás eleccións), falarémolo. De momento o que me toca é executar o orzamento", remarcou.

O GARAÑÓN

En canto á derriba de O Garañón, Méndez confesou que "é difícil pór prazos" para a súa execución, xa que se trata de "un proceso complexo" no que "hai que garantir os dereitos adquiridos de todo o mundo".

En relación a isto último, apuntou que "non corresponde" ao concello fixar a indemnización que deberá percibir o promotor da urbanización, senón que esta cuestión é dos xulgados. Con todo, incidiu en que a intención do seu goberno, en caso de ser posible, é proceder ao derrubo do complexo este ano e que a falta dunha partida específica para esta actuación nos orzamentos deste ano non suporá un problema.

Neste sentido, sinalou que as contas non recollen dita partida de forma "nominativa" porque "se ao final non se pode" executar a derriba, ese diñeiro "non se podería usar para outra cousa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta