Expourense, epicentro da enogastronomía e o turismo

Ata o vindeiro domingo o Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar ofrece aos visitantes máis de 200 actividades, contando ademais con 273 expositores e 12 países representados. Portugal é o país convidado.

Por X.M. Fernández | Ourense | 01/02/2018 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Aproveitando a inauguración do evento, o director  da única feira internacional de turismo gastronómico de España comentou que se consolida como un gran exemplo de cooperación público-privada e que as expectativas para esta edición son moi altas sendo un dos obxectivos bater o récord de visitas. Destacou para isto tres datos: “100% da superficie cuberta, 273 expositores e unha actividade distinta cada 15 minutos de feira”.

Presentación Xantar 2018. Fonte: Expourense
Presentación Xantar 2018. Fonte: Expourense

Actividades cada 15 minutos

O programa de actividades de Xantar 2018 inclúe conferencias de expertos, exhibicións de cociña en directo, catas comentadas e degustacións incluídas no “XIII Encontro Internacional sobre Gastronomía Sostible e Saudable”. En total, unha media de 4 actividades por cada hora de celebración do salón.

Os showcookings, máis de 50, contarán coa participación de prestixiosos chefs de 6 países. Participarán chefs galegos como Javier Rodríguez “Taky”, Flavio Morganti, Alberto Lareo, José Mallón ou Emma Pinal, entre moitos outros. Ademais, participarán importantes chefs de Portugal, Costa Rica, do Club gastronómico de Panamá, México e Estados Unidos. Nesta edición hai que engadir ademais a cociñeiros mediáticos como Nathan, semifinalista de Masterchef 5.

Para dar cabida a este amplo programa de actividades, Xantar contará con tres aulas gastronómicas, unha de Cata e un Túnel do Viño. Este último conta co apoio dos cinco consellos reguladores de viño de Galicia (ademais da Consellería de Medio Rural) e presentará máis de 115 referencias da comunidade prestando especial atención aos viños gañadores nas catas oficiais de Galicia. Vencellado a este sector destaca tamén os cursos sobre “defectos do viño” que impartirá a Estación Vitivinícola e Enolóxica de Galicia, EVEGA. O programa de showcookings complétase con actividades paralelas como o V Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos no que participan máis de 20 blogueiros de Galicia, Madrid e Portugal ou o XIV Encontro Internacional de Confrarías que reunirá a 42 entidades de 5 países.

Edición Xantar 2017. Fonte: Expourense
Edición Xantar 2017. Fonte: Expourense

Portugal, país convidado

Xantar 2018 contará con Portugal como gran protagonista que presentará o mellor da súa gastronomía a través de catro restaurantes (Braga, Ponte de Lima, Vila Real e Azores) e de numerosos showcookings, catas comentadas e degustacións, ademais de actuacións musicais e folclore. Destaca a masiva presenza de expositores procedentes da rexión de Porto e Norte. Nesta edición promocionarase internacionalmente a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal como un destino único cunha oferta enogastronómica de calidade.

Novidades desta edición

Entre as novidades destaca o restaurante temático de Azores cun menú que representa a última cena do Titanic, servida o 14 de abril de 1912. Tamén destaca o menú de BOAGA, composto por pratos elaborados con todas as razas autóctonas de Galicia. Por outro lado, a cidade Ourense exercerá de anfitriona con dous restaurantes que reflicten o bo momento que atravesa a oferta hostaleira na capital termal. Un deses restaurantes ofrece un menú novidoso elaborado coas augas termais da cidade e o outro presenta aos pinchos gañadores do concurso Sabores de Ourense 2017. Outra das novidades será a participación da Deputación de Zamora por primeira vez cun restaurante. Castela e León terá ademais outro restaurante representando á comunidade autónoma.

O menú 100% ourensán do INORDE, o Concello de Maceda, Vila de Cruces, Porto da Guarda e Ría de Pontevedra-Beluso completan a oferta en restauración desta edición.

Encontros profesionais e turismo de proximidade

Xantar organiza o “II Workshop de Turismo Gastronómico” no que participarán 11 touroperadores especializados neste sector e procedentes de Galicia, Portugal, Madrid e Cataluña que operan no mercado nacional e internacional.

E repetindo a experiencia do pasado ano, o paquete "Siente Galicia" permite regalar unha experiencia enogastronómica na provincia. A contratación deste paquete inclúe aloxamento en réxime AD en hotel de 4 estrelas, a entrada ao salón, almorzo ou cea nun dos seus restaurantes e a participación nas actividades. A reserva deste paquete farase dende a propia central de reservas www.sientegalicia.com.

Para o os visitantes que se acheguen a Ourense dende Coruña ou Santiago o sábado 3 e domingo 4 de febreiro na liña de Alta Velocidade AVANT creouse un paquete que inclúe a viaxe en tren ida e volta, os traslados, visitas guiadas ás áreas termais e casco histórico de Ourense e almorzo no salón. Todo isto a partir de 55 euros.

#XANTARESTI

As novidades do salón poden seguirse a través da súa nova web www.xantar.org ou dos seus perfís en redes sociais www.facebook.com/Xantar; en twitter con @XANTAREXPO ou de Instagram a través de @xantaroficial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta