Javier Gómez Noya, embaixador de Tenreira Galega

O deportista galego máis internacional será o protagonista dunha campaña promocional que pon en marcha este ano a Indicación Xeográfica Protexida.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 03/02/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que integra a Tenreira Galega e Vaca e Boi de Galicia, destaca a aposta polo deportista por representar este os valores do traballo, o tesón, a competitividade e a perseveranza, tan arraigados na orixe, filosofía e misión de ambos os distintivos.

Gómez Noya co Presidente das IXPs Carne de Vacún de Galicia. Fonte: Tenreira de Galicia
Gómez Noya co Presidente das IXPs Carne de Vacún de Galicia. Fonte: Tenreira de Galicia

O triatleta, cinco veces campión mundial, levará a mensaxe de cabeceira da IXP, Tenreira Galega para unha alimentación sa e equilibrada, a diferentes públicos de toda Galicia: pequenos, mozos, deportistas e consumidores que apostan por alimentos con garantías e calidade certificada, a través de diversas accións de divulgación e promoción. A campaña, que arrinca o día 3, difundirase a través dos medios en liña da IXP (web e redes sociais) e offline en medios de comunicación tradicionais (televisión, radio e prensa) e publicidade exterior.

A alianza de dúas marcas gañadoras

En palabras de Jesús González Vázquez, presidente  das IXPs Carne de Vacún de Galicia: “A aposta pola alimentación sa e equilibrada, grazas a un produto de máxima calidade; a aposta polo deporte e polos hábitos de vida saudables, é unha constante no noso programa de Responsabilidade Social Corporativa". Semellantes valores aplica na súa rutina diaria Javier Gómez Noya quen agradede ser o escollido e afirma que esta colaboración contribúe a enxalzar a súa figura e hónrao “como embaixador dunha marca de calidade e gran prestixio”.

Deporte como vida

O currículo do ferrolán Francisco Javier Gómez Noya, nacido en Suíza hai 35 anos, está marcado polo deporte de elite na modalidade de tríatlon. Cinco veces campión mundial, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, a primeira medalla olímpica para o tríatlon español, e catro veces campión de Europa.

Pola súa exitosa carreira recibiu numerosos premios entre os que destacan o Premio Princesa de Asturias dos Deportes en 2016, concedido segundo o xurado “ademais de por o seu brillante palmarés, polos valores do esforzo e perseveranza ante a adversidade, demostrar unha enorme fortaleza e un encomiable espírito de superación en toda a súa carreira”.

Tamén gañou a medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo en 2013 e o Premio Nacional do Deporte Don Felipe de Borbón ao mellor deportista español do ano 2012. Foi ademais finalista ao Premio Príncipe de Asturias dos Deportes en 2013 e 2015.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta