Humillación e vergonza en Anoeta

O Dépor perde 5-0 coa Real Sociedad e condénase aos postos de descenso. "Sinto vergonza, fixemos o ridículo", dixo Lucas Pérez tralo partido.

Por Galicia Confidencial | San Sebastián | 03/02/2018 | Actualizada ás 10:21

Comparte esta noticia

Humillados e avergoñados. Así saíron este venres de Anoeta os xogadores do R.C. Deportivo da Coruña, trala malleira recibida: 5-0 e unha pobrísima imaxe que non leva a outra cousa que pensar que o equipo, agás milagre, está xa condenado a baixar ao inferno da Segunda División. O propio dianteiro Lucas Pérez recoñecía logo do partido: "Sinto vergonza, fixemos o ridículo".

Real Sociedad 5 - 0 Deportivo
Real Sociedad 5 - 0 Deportivo | Fonte: La Liga.

Era un partido de necesitados: o Dépor, en postos de descenso, necesitaba unha vitoria para iniciar unha nova xeira e non afundirse aínda máis na táboa; a Real Sociedad, que iniciou esta tempada dun xeito espectacular, levaba sen embargo metida nunha caída vertixinosa que a estaba empurrando cara a zona baixa. E os de San Sebastián amosaron máís templanza en ganas de reverter a situación.

De inicio, Cristóbal apostou polo debut como titulares de dúas das novas incorporacións do mercado invernal para o Dépor: Eneko Bóveda na dereita substituíndo a Juanfran e Michael Krohn-Dehli no centro do campo. Fede Cartabia foi a terceira gran novidade, volvendo xogar após superar os problemas físicos que lle levaron a pasar por quirófano.

Pero ao Deportivo xa non lle vale nada: nin cambiar de adestrador nin de xogadores nin de debuxo táctico... O equipo está bloqueado e é totalmente impotente no campo.

Todo o partido, foi un monólogo do equipo donostiarra. O primeiro disparo chegou por parte de Oyarzabal cun zurdazo preto do pau da portería defendida por Rubén. Dous minutos despois foi Illarramendi o que creou perigo cun remate mordido que sacou a córner Luisinho. Foi o comezo dos cinco primeiros minutos de asedio sobre a área do Dépor.

A primeira chegada do Dépor á área contraria produciuse no 10 cunha xogada por banda de Cartabia que acabou centrando raso e co balón despexado pola zaga local. Foi a única vez que o Dépor pisou área no primeiro tempo sen ser en xogadas invalidadas por fóra de xogo. Unha mostra da nulidade ofensiva na que se atopa o equipo, acompañada pola debilidade defensiva; a perfecta combinación para levar o equipo ao máis baixo da táboa.

O resto do primeiro acto continuou o dominio txuriurdin pero sen tanta presión na zona de perigo coruñesa.

As asistencias tiveron que atender a Carles Gil no minuto 22 ao sangrar polo nariz após recibir un golpe de Zubeldia.

A Real adiantouse dez minutos despois cunha boa xogada combinativa iniciada cun pase entre liñas á área para que Juanmi metese o balón ao punto de penalti onde Willian José, libre de marca, rematou ao fondo da portería do Dépor. 

Juanmi tivo unha boa oportunidade nun remate de volea á saída dun córner. Foi unha das varias consecutivas que tivo a Real no tramo final dunha primeira parte ante un Dépor con moitos problemas para sacar o balón xogado e ter o dominio do mesmo.

Odriozola realizou un bo disparo despexado ben por Rubén a córner. Non transcorreran nin dous minutos da continuación. Unha xogada da Real pola esquerda, con chegada a liña de fondo e pase atrás foi estrelada por Luisinho no pau, evitando o remate do capitán do equipo donostiarra.

Foi o prólogo aos mellores minutos do Dépor, cun par de chegadas á área dos branquiazuis, que non conseguiron rematar pero que comezaron a dar outras sensacións coincidindo coa entrada de Emre Çolak no campo.

Foi un espellismo, xa que a Real ampliou distancia no marcador cunha falta directa de Asier Illarramendi que anotou o 2-0.

A resposta inmediata chegou por parte de Lucas que, após recibir unha asistencia de Krohn-Dehli, disparou cruzado obrigando a intervir por primeira vez a Rulli. Tamén tivo unha boa ocasión Fabian Schär que conduciu até a frontal da área, abriu para Lucas e o coruñés devolveulla cun centro chute que o suízo non foi capaz de tocar para dirixir a portería case sobre a liña de gol.

En área coruñesa, unha xogada similar á primeira de Lucas variou na finalización: Canales internouse en área para driblar a saída de Rubén e pór o 3-0.

Krohn-Dehli tentouno de volea desde a frontal a falta de dez minutos no último balón que tocou antes de deixar o seu sitio a Fede Valverde.

O cuarto gol da Real chegou á saída dun córner no que a defensa deportivisrta estorbouse para que o balón queda nos pés de Elustondo que, en dous toques sutís: control e remate, puxo o cuarto no electrónico.

O quinto e último chegou após un erro defensivo que deixou un man a man con Rubén, que meteu unha primeira luva pero non puido facer nada ante o rexeite que quedou Illarra para pór o 5-0 final.

A goleada deixa o Dépor unha semana máis en zona de descenso. 51 goles en contra —o equipo máis goleado— en só 22 xornadas e 24 goles a favor é un pésimo balance para un equipo que aspira a estar na elite do fútbol.

FICHA TÉCNICA

Real Sociedad: Rulli, Odriozola, Elustondo, Raúl Navas, De La Bella, Xabi Prieto (Guridi, min. 83), Illarra, Zubeldia, Oyarzabal, Willian José (Agirretxe, min. 85) e Juanmi (Canales, min. 69).

RC Deportivo: Rubén, Bóveda, Albentosa, Schär, Luisinho, Krohn-Dehli (Fede Valverde, min. 80), Guilherme, Fede Cartabia (Bakkali, min. 74), Carles Gil (Çolak, min. 55), Adrián e Lucas.

Árbitro: Undiano Mallenco (c. navarro). Amoestou a Schär (min. 25)

Goles: 1-0 Willian José (min. 32); 2-0 Illarramendi (min. 62); 3-0 Canales (min. 75); 4-0 Elustondo (min. 82); 5-0 Illarramendi (min. 89)

Incidencias: partido da 22ª xornada de LaLiga disputado no Estadio de Anoeta ante 15.626 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MARYSX

A goleada deixa o Dépor unha semana máis en zona de descenso. 51 goles en contra —o equipo máis goleado Camisetas de futbol baratas— en só 22 xornadas e 24 goles a favor é un pésimo balance para un equipo que aspira a estar na elite do fútbol.