Os galegos son máis hostís cos inmigrantes doutras razas e etnias e cos de países pobres non europeos

Un estudo da Universidade de Oxford sitúa Galicia nun nivel intermedio de rexeitamento aos inmigrantes entre todas as rexións europeas. Somos máis racistas e xenófobos que cataláns, vascos, suecos ou alemáns, pero menos que gregos, ingleses, húngaros ou a maior parte de Portugal. Aumenta en Europa o rexeitamento aos inmigrantes de países pobres. Con todo, Galicia é unha das rexións europeas nas que máis descendeu o nivel de oposición á entrada de foráneos.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 02/03/2018 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Os galegos mostran actitudes máis favorables cara os inmigrantes cos que comparten raza ou etnia que con aqueles de orixes e costumes distintas ou de países máis pobres. Así, a sociedade galega é menos remisa a acoller a un inmigrante vasco, británico ou alemán de raza branca que a un francés de orixe alxerino, un chinés, un sirio, un marroquí ou un liberiano, por exemplo. Entre todas as rexións de Europa, Galicia mostra uns índices intermedios de rexeitamento cara os inmigrantes de distinta raza ou etnia e os de países máis pobres non europeos, e taxas relativamente baixas respecto aos inmigrantes de mesma raza ou etnia. Así o reflicte un estudo do International Migration Institute, da prestixiosa Universidade de Oxford.

Feijóo saúda a uns inmigrantes subsaharianos en Vilagarcía durante a campaña electoral das xerais
Feijóo saúda a uns inmigrantes subsaharianos en Vilagarcía durante a campaña electoral das xerais

O estudo, titulado 'The Geography of Anti-Immigrant Attitudes across Europe, 2002- 2014', —publicado agora pola revista científica Journal of Ethnic and Migration Studies—, analiza como evolucionaron os niveis de aceptación e rexeitamento aos inmigrantes en Europa neste período de tempo. Os resultados mostran que "agás por unha modesta tendencia ascendente entre 2006 e 2010, que reflicte presumiblemente o colapso financeiro global subxacente e a subseguinte crise da débeda soberana europea", a porcentaxe de europeos que se opoñen aos inmigrantes da mesma ou diferente raza ou etnia diminuíu case sete puntos porcentuais entre 2002 e 2014. Pola contra, a oposición aos inmigrantes de países máis pobres de fóra de Europa aumentou de maneira moderada pero continua: a porcentaxe de europeos que consideran que algúns ou ningún destes migrantes deberían poder entrar nos seus países aumentou do 48 por cento en 2002 ao 52 por cento en 2014. Esta porcentaxe podería ter aumentado nos últimos anos, xa que o estudo non avaliou os momentos máis críticos da chamada "crise dos refuxiados", que ten contra as cordas a Europa e que deu máis pulo aos populismos de extrema dereita.

O 47,25 por cento dos españois rexeita a chegada de inmigrantes de raza ou etnicidade distintas e o 48,23, a de persoas de países máis pobres non europeos.

En 2015, 34,3 millóns de residentes nalgún dos 28 Estados membros da UE naceron fóra destas fronteiras e 18,5 millóns, noutro país da UE distinto ao actual no que residían. En total, os inmigrantes —tanto de orixe europea como de fóra— representan ao redor do 10 por cento do total da poboación de Europa. Neste contexto, os investigadores do International Migration Institute de Oxford exploraron, usando os datos das distintas ondas da Enquisa Social Europea, como se produce unha sorte de efecto contaxio da hostilidade antiinmigrante en Europa entre rexións próximas.

A análise do resultados a nivel subestatal indica que rexións fronteirizas amosan, en xeral, sentimentos similares cara os inmigrantes. Un feito que, segundo os autores do estudo, "ten unha influencia significativa para a comprensión do auxe e caída dos movementos populistas en Europa e o cambio do apoio electoral aos partidos xenófobos en todas as rexións europeas ao longo do tempo".

Inmigrante.
Inmigrante.

Os autores do estudo —Mathias Czaika e Armando Di Lillo— analizaron o grao de hostilidade cara os inmigrantes usando as respostas a tres preguntas concretas da Enquisa Social Europea: "Ata que punto cre que se debe permitir vir e vivir aquí a persoas da mesma raza ou grupo étnico que a maioría das persoas do país?"; "e a persoas dunha raza ou grupo étnico diferente da maioría das persoas?"; "e a persoas de países máis pobres de fóra de Europa?". As respostas clasifícanse nun sistema de puntuación de 4 puntos, sendo un para "de acordo que se permita que sexan moitos os que veñan e vivan aquí", dous para "que se permitan algúns", tres para "que se permitan uns poucos" e catro para "que non se permita ningún".

CASE A METADE DA POBOACIÓN ESPAÑOLA É XENÓFOBA OU RACISTA

Os resultados do estudo para o conxunto de España sinalan que o 43,64 por cento da poboación rexeita a inmigrantes da mesma raza ou etnia, porcentaxe de rexeitamento que aumenta até o 47,25 por cento para os inmigrantes de raza ou etnicidade distintas e ao 48,23 nos casos dos chegados de países máis pobres non europeos.

Castela e León é a autonomía máis reaccionaria cos inmigrantes de razas e etnias distintas e cos chegados de países pobres non europeos.

Neste contexto de rexeitamento racista e xenófobo, Galicia sitúase no grupo que segue a Castela e León no grao de hostilidade contra os inmigrantes de distintas razas e etnias e de países pobres, xunto con A Rioxa, Madrid, Aragón, Estremadura, Andalucía e Murcia. Mentres que Cataluña, Comunidade Valenciana, Illas Baleares, Principado de Asturias , Cantabria e País Vasco mostran menor hostilidade.

Galicia atópase entre as autonomías con maior rexeitamento aos inmigrantes doutras razas, etnias e de países pobres, pero tamén é unha das rexións en España nas que máis caeu a hostilidade aos de fóra.

O mapa muda lixeiramente se se mide o grao de hostilidade cara emigrantes da mesma raza ou etnia que a poboación nativa. Aí, o nivel de rexeitamento baixa en Galicia, que se sitúa, en España, entre as autonomías con menos hostilidade, xunto con Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Navarra, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e as illas Baleares e Canarias.

Galicia, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid, Cataluña e Comunidade Valenciana foron evolucionando cara a actitudes máis positivas cara aos inmigrantes, en xeral, mentres que en Navarra, A Rioxa, Aragón, Andalucía e Murcia aumentou a oposición á inmigración, salientan os investigadores.

"Neste contexto, xurdiron varios clústers xeográficos, con rexións xeograficamente máis próximas que parecen compartir similitudes máis fortes nas tendencias das actitudes antiinmigrantes que as máis distantes", argúen os investigadores, que poñen o exemplo de Castela e León e Castela-A Mancha, rexións que "mostraron inicialmente actitudes extremadamente hostís cara aos migrantes pero, a partir de 2010, contrariamente ao que suxerirían as crecentes taxas de desemprego e o descenso do PIB per cápita, caracterizáronse por unha maior reptividades, con cotas de opoñentes que diminúen entre 13 e 27 puntos porcentuais". Pola contra, "en Estremadura, Andalucía e Rexión de Murcia a disposición dos seus habitantes a permitir a entrada de inmigrantes nas súas rexións diminuíu drasticamente entre 2002 e 2014", comparan os autores do estudo, que subliñan o caso estremeño, no que "a porcentaxe dos que non están dispostos a aceptar novas entradas de inmigrantes de diferente raza ou etnia amentou en máis de 25 puntos porcentuais, de case o 27 por cento en 2002 até case o 53 por cento en 2014".

Galicia mantén índices intermedios en Europa de rexeitamento aos inmigrantes de distinta raza e etnia, con maior hostilidade antiinmigrante, por exemplo, que Suecia, boa parte de Francia, Alemaña, Italia ou Suíza. Tamén na actitude cara os inmigrantes de países pobres non europeos.

No conxunto de España diminuíu a hostiliade contra os inmigrantes da mesma raza ou etnia pero aumentou o rexeitamento aos de países pobres non europeos.

Con todo, os galegos rebaixaron notablemente a súa hostilidade cara os inmigrantes, en xeral. De feito, esta caeu un 20 por cento respecto dos da mesma raza e etnia que a poboación nativa; un 23,5 por cento respecto dos inmigrantes de raza ou etnia distintas; e un 22,8 por cento respecto dos chegados de países pobres non europeos. Son as caídas de hostilidade máis importantes en España, xunto coas producidas en Cantabria, Castela e León e Comunidade Valenciana. Son, ademais, das maiores caídas da hostilidade antiinmigrante en Europa.

No conxunto de España, a hostilidade contra os inmigrantes da mesma raza ou etnia caeu un -5.6 por cento, mentres que respecto aos de distinta raza ou etnia practicamente non variou. Pola contra, o rexeitamento aos chegados de países non europeos máis pobres aumentou un 1,8 por cento.

UNHA EUROPA MÁIS REMISA A ACOLLER POBRES

En conxunto, Europa mostra un maior rexeitamento aos inmigrantes chegados de países máis pobres non europeos, seguidos polos de distintas razas e etnias. A maior aceptación é para cos inmigrantes da mesma raza ou etnia. Con todo, o nivel de rexeitamento global aos inmigrantes descendeu

"As actitudes cara os inmigrantes da mesma raza ou etnia que a poboación maioritaria do país anfitrión parecen ser menos negativas que para cos inmigrantes de diferente raza ou etnia", subliñan os investigadores, que observaron que "as actitudes antiinmigrantes parecen agruparse nalgunhas rexións limítrofes europeas, o que suxire que, en termos xerais, as rexións máis próximas exhiben maiores similitudes nas actitudes antiinmigrantes que as rexións máis distantes".

O mapa global de todas as rexións mostra unha Europa un chisco menos remisa á chegada de inmigrantes. "Co tempo, os europeos volvéronse un pouco máis favorables cara aos migrantes entre 2002 e 2014, contrariamente ao que poderían suxerir o estado actual e pasado da economía, a natureza dalgunhas políticas de migración recentemente adoptadas (restritivas) e o crecente apoio aos partidos políticos de extrema dereita e as representacións dos medios de comunicación", constatan Czaika e Di Lillo.

A oposición aos inmigrantes de países máis pobres non europeos "aumentou de maneira moderada pero continua"; máis da metade da poboación europea é remisa a aceptalos.

"Agás por unha modesta tendencia ascendente entre 2006 e 2010, que reflicte presumiblemente o colapso financeiro global subxacente e a subseguinte crise da débeda soberana europea, a porcentaxe de europeos que se opoñen a inmigrantes da mesma ou diferente raza ou etnia que a maioría diminuíu case sete puntos porcentuais entre 2002 e 2014", proseguen os investigadores de Oxford, que contrapoñen esta tendencia coa que se dá cos inmigrantes de países subdesenvolvidos: "Pola contra, a oposición aos inmigrantes de países máis pobres fóra de Europa aumentou de maneira moderada pero continua: a porcentaxe de europeos que consideraba que só un poucos ou ningún destes migrantes deberían poder entrar nos seus países aumentou do 48 por cento en 2002 ao 52 por cento en 2014", detallan.

"Na maioría dos países europeos, as preferencias sobre os niveis de inmigración parecen depender fortemente do tipo de inmigrantes", engaden os investigadores. Así, poñen como exemplo o que acontece en dous dos países máis racistas e xenófobos de Europa, Chipre e Hungría, nos que as actitudes negativas contra os inmigrantes son aproximadamente 39 e 35 puntos porcentuais, respectivamente, máis baixas cando se refiren a inmigrantes da mesma raza en comparación co posicionamento cara os inmigrantes de diferentes etnias. A diferenza é aínda máis pronunciada cando as opinións se refiren a inmigrantes de países máis pobres de fóra de Europa: aquí, o 92 por cento dos enquisados en Chipre e o 85 por cento en Hungría mostran actitudes negativas cara estas persoas. 

Pola contra, "a hostilidade parece ser menos dependente desas categorías de inmigrantes nos casos de Portugal, España ou Suecia", apuntan os autores do estudo. Así, "a proporción media de enquisados en España que se opoñen á entrada de inmigrantes da mesma raza ou etnia é case a mesma que a proporción media que se opón á chegada de inmigrantes de diferentes razas ou etnias ou de países máis pobres fóra de Europa", detallan Czaika e Di Lillo.

O caso de Suecia é destacable, xa que "aparece como o país máis amigable cos inmigrantes na mostra, con só un 9,41 por cento dos enquisados expresando unha preferencia por niveis máis baixos de inmigrantes da mesma ou diferente raza ou grupo étnico", detállase no estudo.

Tamén son salientables os casos de Irlanda, Reino Unido e República Checa por seren os únicos países, en conxunto, que "se volveron máis negativos cara os inmigrantes da mesma raza ou etnia", destácase no traballo de investigación.

Particularmente, a porcentaxe de irlandeses contrarios a estes inmigrante aumentou en aproximadamente 14 puntos porcentuais entre 2002 e 2014, mentres que a de checos case se duplicou no mesmo período, alcanzando o 41 por cento en 2014, e a de británicos aumentou en 2,4 puntos porcentuais.

Portugal mostrou "actitudes cada vez máis hostís cara os migrantes" nos anos máis duros da recesión económica e da crise da débeda soberana.

Sobre os inmigrantes de países máis pobres non europeos, belgas, daneses, holandeses, polacos, eslovenos, españois e suízos son, en xeral, os que expresaron opinións cada vez máis hostís. As variacións foron bastante notables no caso de Suíza, onde a proporción de opositores a este tipo de inmigración aumentou en máis de 15 puntos porcentuais en 2014 respecto de 2002, e bastante moderada en todos os países restantes, onde o aumento da oposición variou entre 3 e 9 puntos porcentuais.

Os autores tamén remarcan o caso de Portugal, país que se viu gravemente afectado pola crise da débeda soberana, con taxas de desemprego que subiron ao 16 por cento en 2012 e taxas de PIB negativas de menos o 4 por cento, e que mostrou "actitudes cada vez máis hostís cara os migrantes entre 2008 e 2012", nos anos máis duros.

España, pola contra, é unha "notable excepción" se se compara cos países europeos máis afectados pola crise económica, como Portugal, Grecia ou Irlanda: "Malia o alto desemprego, que aumentou do 11 por cento en 2006 a máis do 24 por cento en 2012, e ao estancamento ou crecemento negativo do PIB entre 2010 e 2012, a porcentaxe de españois que consideraron que ningún ou só a uns poucos inmigrantes se lles debería permitir entrar no país diminuíu considerablemente entre 2008 e 2012, cuestionando así a crenza común de que as condicións económicas son un condutor inequívoco das actitudes cara aos inmigrantes", expoñen os investigadores.

ALERTA: POPULISMO

Neste contexto, alertan Mathias Czaika e Armando Di Lillo, "os partidos populistas de extrema dereita —con accións antiinmigración no centro das súas axendas políticas— aumentaron e ampliaron o apoio electoral en toda Europa", alertan os investigadores da Universidade de Oxford, que repasan varios casos: "Nas eleccións xerais de 2014, Sverigedemokraterna converteuse no terceiro partido máis importante de Suecia, asegurando case o 13 por cento dos votos; o Dansk Folkeparti en Dinamarca gañou o 21,1 por cento dos votos en 2015, case duplicando o seu apoio desde as eleccións xerais previas de 2011, e en 2015, o Schweizerische Volkspartei obtivo un récord do 29,4 por cento dos votos en Suíza. Desde decembro de 2016, o partido Alternativa para Alemaña (AFD) conseguiu representación en dez dos dezaseis parlamentos estatais federais alemáns e obtivo o 7,1 por cento dos votos nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2014. Nas mesmas eleccións, o Partido da Independencia do Reino Unido (UKIP) converteuse no partido británico máis forte, gañando o 26,6 por cento dos votos. O caso máis recente no ascenso europeo dos partidos populistas e de dereita radical son as eleccións presidenciais en Austria, co candidato do Partido da Liberdade de Austria (FPÖ), Norber Hofer, que obtivo o 48 por cento dos votos", describen.

O Eurobarómetro revelou xa en 2016 que case a metade dos europeos (48 por cento) mencionaron a inmigración como o tema de maior preocupación para eles.

Czaika e Di Lillo observan un "cambio político, parcialmente reinfigurado pola chamada crise dos refuxiados europeos" que se concretou en que "algúns gobernos europeos comezasen a endurecer algunhas das súas políticas de inmigración, mesmo en países tradicionalmente máis abertos e liberais, como Suecia", o máis "amigable cos inmigrantes", segundo o propio estudo do International Migration Institute.

O Parlamento sueco, recordan Czaika e Di Lillo, aprobou o 21 de xuño de 2016 cambios lexislativos que endurecen a obtención do permiso de residencia no país e inclúen a introdución de permisos de permanencia temporais así como límites no dereito á reunificación familiar. Unha reacción política que "semella ser impulsada, polo menos en parte, polas crecentes percepcións e crenzas de que os fluxos continuados de inmigrantes establecen unha ameaza para o status quo económico, cultural e social e para as perspectivas futuras", censuran os investigadores da Universidade de Oxford.

O certo é que xa na primavera de 2016 o Eurobarómetro revelou que case a metade dos europeos (48 por cento) mencionaron a inmigración como o tema de maior preocupación para eles, moi por diante do terrorismo e a economía.

Este crecente estado de opinión contrario á inmigración podería ter explicación nas hipóteses e resultados do estudo realizado no International Migration Institute: "Cando as persoas forman as súas opinións sobre a inmigración e os inmigrantes, están fortemente influenciadas polas actitudes (anti) inmigratorias das persoas ao seu arredor que viven no mesmo lugar ou en lugares próximos", defenden os seus autores.

GALICIA, POUCO COMPROMETIDA COS REFUXIADOS

Os resultados para Galicia deste estudo realizado no International Migration Institute da Universidade de Oxford mostran semellanzas coas achegas feitas desde o Center on Social Movement Studies (COSMOS), un centro punteiro no estudo de movementos sociais e mobilización política, pertencente á Scuola Normale Superiore en Florencia (Italia) e liderado por Donatella della Porta, unha das académicas máis recoñecidas a nivel mundial neste eido.

COSMOS vén de publicar un libro colectivo —Solidarity Mobilizations in the ‘Refugee Crisis’— que é parte dunha liña de acción dentro do proxecto 'Mobilizing for Democracy', financiado polo Consello Europeo de Investigación, que xestiona os programas de investigación da Comisión Europea.  A obra é unha colección de artigos resultado das investigacións que se desenvolveron neste centro italiano sobre o movemento de solidariedade cos refuxiados en Europa. Nesta achega, o investigador coruñés  Martín Portos (A Coruña, 1989), asina como co-autor —canda Javier Alcalde— dous capítulos, un sobre España e outro sobre Calais (Francia) e dinámicas de mobilización transnacionais: 'Refugee Solidarity in a Multilevel Political Opportunity Structure: The Case of Spain' e 'Scale Shift and Transnationalisation Within Refugees’ Solidarity Activism. From Calais to the European Level'.

Para o caso galego, Martín Portos concluíu, en declaracións a Galicia Confidencial: "É certo que comunidades autónomas e concellos teñen as mans atadas á hora de liderar iniciativas de acollida de refuxiados. Pero tamén é certo que poderían facer moito máis. E claramente, Galicia non está entre as comunidades máis comprometidas neste sentido".

De feito, "Galicia nin tan sequera se sumou ao 'Pacto humanitario de la Cooperación Autonómica por las personas refugiadas sirias' que reclamaba unha actitude máis activa ao Goberno central", subliña Portos, quen sinala a Xunta, pero tamén aos concellos, que "tampouco lideraron moitas iniciativas neste senso (con excepcións parciais, como o Concello da Coruña, que si forma parte da iniciativa 'Red de Ciudades Refugio', que lidera Barcelona", destaca o politólogo.

Aplicando criterios técnicos de distribución dos refuxiados chegados a España, por comunidades autónomas, en base aos compromisos adoptados polo Goberno central cos socios comunitarios, Portos apunta que Galicia debería ter acollido a máis de 900 nestes dous anos. "E xa vos digo que non o fixo", engade.

Galicia apenas acolleu 159 persoas en dous anos, un 8% dos refuxiados que chegaron a España, que tan só recubiu uns 2.000 dos máis de 17.000 que se comprometeu a acoller. Datos que deixan en evidencia as políticas de acollida do Goberno central, pero tamén o compromiso das administracións autonómica e locais, e da sociedade en xeral, para con estas persoas.

Xeografía de actitudes en Europa cara os inmigrantes de países non europeos máis pobres
Xeografía de actitudes en Europa cara os inmigrantes de países non europeos máis pobres | Fonte: Mathias Czaika and Armando Di Lillo, (2017), IMI Working Paper Series, 138, 1 - 19.
Xeografía de actitudes cara os inmigrantes de distinta raza ou etnicidade nas rexións europeas
Xeografía de actitudes cara os inmigrantes de distinta raza ou etnicidade nas rexións europeas | Fonte: Mathias Czaika and Armando Di Lillo, (2017), IMI Working Paper Series, 138, 1 - 19.
Xeografía de actitudes cara os inmigrantes da mesma raza ou etnicidade nas rexións europeas
Xeografía de actitudes cara os inmigrantes da mesma raza ou etnicidade nas rexións europeas | Fonte: Mathias Czaika and Armando Di Lillo, (2017), IMI Working Paper Series, 138, 1 - 19.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 22 comentarios

4 Gamela

Gracias a Alberto Quián pola publicación deste informe, que a pesares dos pesares seica ABRE A PORTA á ESPERANZA !!! https://i.gal/gamela13 Galicia aínda está a tempo de DARLLE A VOLTA a este mundo de tolos !!!

3 marijuano o hibrido

relativizar o informe... nalguns momentos confunden a xenofobia co racismo por exemplo en hungria o racismo e xitanos (zíngaros, por certo sobre 5.50.000 foron asasinados polos nazis durante as guerras alemanas (1914-1945), o digo posto que os obxetivos de dominación eran os mesmos co Cesar wilhen que co cabo Hitler, logo utilizan torticeiramente a verba populismo (para non empregar fascismo, nacimos, ultradereitismo ou reaccionarios) ben podo decir mais cousas pero non me vou meter mais outro o dira mellor, e con mais sentido do humor mais por enriba

2 Invadidos

Agora ao instinto de supervivencia chámanlle xenofobia

1 noxentoFulano

Invadidos si que estamos, pero de xentuza coma ti

2 Invadidos

Eu non invadín nada, pasmón, nacín aquí. En canto a ti, cantos refuxiados tés acollidos na túa casa? Espero que me confirmes que tés polo menos un par deles, necesito un espello moral no que mirarme para deixar de ser "noxento" e "xentuza".

3 nostrus

Invadidos. El nacer aqui no te da derecho ninguno. Lo que te da derecho a ser de aqui es ser hijo de españoles, independientemente de donde hayas nacido.Tienes razon en cuanto a que hay mucho bondadoso que no mueve un dedo por acoger un refugiado pero de palabra es mas generoso que nadie. La solidadridad se practica de obra, no de palabra. Soy partidario de acoger solamente hasta donde la sociedad sea capaz de asimilar y el resto solo son ganas de quedar bien sin gastar nada.

4 urco

Nascer na Galiza já dá direitos intrínsecos, a ver se nos informamos antes de botar a língua a pacer, independemente que os pais sejam galegos, alemáns, espanhóis ou do Camerum. Outra cousa é quem tendo nado na Galiza nom se sinta galego, mas isso nom tem a ver cos seus direitos mais bem cos seus complexos. Asunto de psiquiatras pois.

1 mariagomez53

que pena, que desgracia .