Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2018 | Actualizada ás 16:36
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu que a reforma da Lei de Saúde servirá para adaptar "aos tempos" o sistema sanitario galego, á vez que censurou os "datos falsos" sobre os que, di, se sustentan as mobilizacións e críticas vertidas desde plataformas e partidos contra os cambios no Sergas.
Almuiña concedeu este domingo unha entrevista a Radio Nacional de España na que asegurou que o sistema público sanitario goza de "boa saúde" en Galicia, xa que está "comparativamente a un nivel alto", aínda que recoñece que "iso non significa que non haxa cousas que mellorar".
Estas declaracións do titular de Sanidade producíanse mentres miles de persoas manifestábanse en Santiago en contra dos "recortes" en sanidade e para pedir a paralización da reforma da Lei de Saúde, que inicia esta semana a súa tramitación parlamentaria.
Para o conselleiro, as plataformas convocantes desta mobilización parten de "datos falsos" e convidounos a articular "unha discusión ordenada" na procura de "mellorar" o sistema pública de saúde.
Nesta liña, reiterou que a nova Lei de Saúde "trata de consolidar" un modelo implantado "hai cinco ou seis anos" que, ao seu xuízo, serviu para "mellorar" o sistema sanitario en Galicia.
"Naquel momento os mesmos que convocan as manifestacións hoxe dicían que se ían pechar os hospitais comarcais. Pasaron cinco ou seis anos e o que se viu é que os servizos se incrementaron e fixéronse obras de mellora e ampliación", afirmou.
Así mesmo, apuntou que coa nova normativa as áreas sanitarias "non desaparecen" senón que se lles "cambia o nome" para que "os 14 distritos queden blindados por lei".
"O que busca a lei é que os servizos estean próximos ao cidadán", apostilou, para logo situar a atención primaria como "o alicerce esencial" do sistema e negar que a reforma vaia a diminuír a participación social.
"Todo o contrario. Estamos a mellorar a participación cidadá a través de asociacións de pacientes, colexios profesionais, etc. Pasamos de 12 grupos de participación a 23; incrementámolos en once para que poidan decidir", remarcou.
NEGA QUE VAIA A DIMITIR
Por outra banda, Vázquez Almuiña negou que pase pola súa cabeza a idea da dimisión ante a presión social polo rexeitamento á reforma da Lei de Saúde, un proxecto no que ten depositada "moita ilusión", aínda que aclara que está "a disposición" do que o xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, "decida".
En canto ás listas de espera, o conselleiro cre que "o importante non é o número de pacientes que estea a esperar", senón "o tempo" que tarde o sistema "en dar resposta".
Neste sentido, incidiu en que na actualidade Galicia presenta "o mellor dato" nos tempos de espera "desde que hai rexistros", o que fai que se sitúe "no cuarto lugar" da clasificación de comunidades autónomas neste ámbito.
Ademais, negou que se produzan "presións" aos profesionais da sanidade pública para que se deriven pacientes aos hospitais privados e concertados.
E é que, segundo Almuiña, as derivacións a hospitais privados "diminuíron de forma moi importante" en comparación co ano 2008. Así as cousas, defende que os colectivos empregan "datos sen ningunha base" para atacar ao Goberno.
"Son criterios utilizados noutras épocas sen ningún estudo. Son falsos e non se sosteñen", concluíu Vázquez Almuiña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.